Lores asina o decreto da Alcaldía coa aprobación dos orzamentos municipais

Pontevedra
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Este decreto será remitido ao Boletín Oficial da Provincia e, unha vez que este publicado, serán operativas as contas do Concello de Pontevedra para 2024, que ascenden a 94 millóns de euros

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que asinará este xoves o decreto da Alcaldía coa aprobación dos orzamentos municipais.

Este decreto será remitido ao Boletín Oficial da Provincia e, unha vez que este publicado, serán operativas as contas do Concello de Pontevedra para 2024, que ascenden a 94 millóns de euros. 

"É unha excelente noticia para o Concello e especialmente para todos os cidadáns que obviamente sufriron os atrancos durante estes tres meses", manifestou Lores.

O alcalde da capital deu conta desta novidade nunha rolda de prensa na que compareceu acompañado do edil responsable de Economía e Facenda, Raimundo González. 

"Estes orzamentos son imprescindibles para que Pontevedra siga avanzando", destacou Lores, "superamos, eu creo que con éxito, unha situación excepcional", dixo en referencia á cuestión de confianza á que o alcalde supeditou a aprobación dos orzamentos e sinalou tamén "os atrancos que durante este últimos tres ou catro meses puxeron os grupos da oposición".

O alcalde informou que no período de exposición pública "non houbo ningunha alegación taxada que faga necesario levar a pleno este documento". As alegacións que se presentaron foron rexeitadas por parte dos servizos técnicos municipais e, por tanto, isto permite xa esa aprobación. 

Concretamente, as alegacións foron formuladas, dúas polo sindicato Comisións Obreiras, unha pola UXT e outra polo sindicato da Policía Local. Tamén hai outra presentada fóra de prazo por Cáritas. 

"Se non se admiten a trámite non ha lugar a levar a pleno", incidiu Raimundo González, entre outras causas, porque someter o proxecto a votación plenaria "sería atrancar outra vez o orzamento, co cal a cuestión principal da cuestión de confianza pois non serviría absolutamente para nada", engadiu. 

En todo caso, o alcalde anunciou que dará conta ao pleno da sinatura deste decreto aínda que o proxecto dos orzamentos xa non volverá ser debatido pola corporación. 

Unha vez en vigor o novo orzamento o goberno local "axilizará o máximo posible" os expedientes atrasados, dándolle prioridade a aqueles que teñen prazos marcados polos fondos europeos.