Lores asina o convenio para remodelar a estación de autobuses

Pontevedra
15 de marzo 2019

O Concello fará unha achega de máis de 1,5 millóns de euros para a remodelación exterior da estación, que se encargará de reformar a Consellería de Infraestruturas

O alcalde Lores asina o convenio para remodelar a estación de autobuses Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asinou este venres o convenio entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia para desenvolver a futura estación intemodal de Pontevedra. Para o Concello trátase dun proxecto de gran relevancia polo que supón de ir completando os barrios, mellorando o servizo que se lle ofrece aos viaxeiros, e se reordena a mobilidade nesa parte da cidade.

A Alcaldía remitiu esta venres o convenio á Xunta de Galicia por valixa, logo de telo asinado, e confiando en que se inicie o proceso de licitación canto antes.

O convenio recolle que o custe da actuación é de 6.151.669,87 euros, nunha porcentaxe de 75% por parte da Consellería e un 25% por parte do Concello.

A adecuación para a intermodalidade do conxunto formado polas actuais terminais de autobuses e ferroviaria de Pontevedra terá un custe de 3.375.952,65 euros que recolle actuacións como: conexión peonil entre estacións; humanización da praza e aparcadoiro de turismo na entrada da estación; acceso á estación pola avenida Josefina Arruti e acondicionamento das dársenas; e adecuación da canle do río Gafos no lindeiro da estación de bus.

A segunda parte do convenio é a reforma de actual estación de autobuses por 2.427.509,49 euros: que recolle actuacións como renovación de fachada, cuberta e interiores da imaxe das estacións intermodais en Galicia; mellora de instalacións e eficiencia enerxética; mellora dos sistemas de información e sinalética.