Lores asegura que "a cidade despega despois da pandemia" con 244 peticións de licenzas de actividade económica

Pontevedra
17 de febreiro 2023

O alcalde de Pontevedra avanzou que xa foi presentado o aval de cinco millóns de euros para a urbanización do Polígono do Vao e destacou a construción de tres residencias para maiores e a apertura de supermercados na cidade ao entender que son "empresas que se asentan en cidades con dinamismo económico"

Supermercado Gadis, en Benito Corbal Mónica Patxot

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, realizaba este venres 17 un avance dos datos económicos que manexa o goberno local despois da paralización da actividade no ano 2020 con motivo da pandemia.

Manifestaba que nos anos 2021 e 2022 se solicitaron 244 licenzas para actividades económicas de distinta escala relacionadas con restauración, hostalería, supermercados e actividades similares. 

"Cos datos que temos, a cidade despega despois da pandemia", afirmou o rexedor, que destacaba a apertura do supermercado Gadis en Benito Corbal ou a previsión de apertura de dous Aldi no municipio, que serán o segundo e terceiro que se abren en toda Galicia. Sinalou que estas empresas se instalan en cidades con "dinamismo económico" baseándose en estudos de mercado. 

Fernández Lores fixo referencia á presentación do aval de cinco millóns de euros para iniciar a urbanización do Polígono do Vao, que recollerá outros establecementos de grande actividade económica. "Cadeas sen gran presenza na cidade están apostando por Pontevedra en plena crise" expuxo o alcalde engadindo que estes investimentos se realizan ao entender que a cidade ofrece un espazo "seguro, accesible e multiservizo".

Explicou que nos anos 2018 e 2019 se tramitaron 239 licenzas en anos de fluxo económico e, neste momento, Pontevedra, a pesar da crise de prezos e a guerra de Ucraína, incrementou este número de petición de licenzas nos dous últimos exercicios.

Dentro das previsións económicas destacou tamén a construción de tres residencias para maiores na cidade que, segundo os cálculos do goberno local, crearán máis de 1.500 postos de traballo nestes próximos anos no sector da construción e adxacentes, ademais de ao redor de 250 empregos fixos para a atención de persoas nestes centros residenciais. "Moita xente está mirando para esta cidade, que presenta capacidade de xerar emprego e manter niveis de crecemento dos últimos anos", asegurou Miguel Anxo Fernández Lores.