Lores aposta por ir "partido a partido" analizando a evolución sanitaria antes de decidir que facer co Entroido pontevedrés

Pontevedra
12 de xaneiro 2021

O alcalde de Pontevedra considera que os 94 novos contaxios rexistrados na área sanitaria durante as últimas horas eran agardados debido ás xuntanzas familiares en fin de ano e en Reis. Afirma que a cifra de Pontevedra non parece excesiva ao ser a segunda cidade de Galicia co índice máis baixo de positivos pero recoñece que hai que ser prudentes

Disfraz de virus covid Daniel Lobo

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, analizaba este martes os datos de novos positivos que se rexistraron nas últimas horas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que establecen 94 novos contaxios. Para o rexedor esta cifra é consecuencia das celebracións de fin de ano e tamén de Reis: "é un feito xeralizado no Estado e en Galicia. Aquí tamén. Houbo máis contactos familiares", indicou afirmando que se xa se agardaba un incremento de casos: "era algo previsto", apuntou.

O alcalde da capital asegura que a cifra de positivos non está a ser "excesiva" na cidade de Pontevedra nin na área sanitaria ao atoparse o municipio por baixo dos 200 casos e aparecer como a segunda cidade de Galicia, despois de Lugo, co índice máis baixo de positivos. "Isto pode cambiar dun día para outro", recoñecía Fernández Lores, que non quixo avanzar que sucederá para a celebración das festas de Entroido a mediados de febreiro.

"Hai que ir partido a partido", sinalou Fernández Lores asegurando que é necesario ser prudentes e atender ás indicacións que realice o comité clínico da Xunta de Galicia. "Iremos vendo que pasa pero non será como o de todos os anos porque non é posible", recoñeceu o alcalde que, en todo caso, se amosou partidario de que se realicen actividades na rúa porque axuda a que se manteña a actividade económica.

"Tentaremos reinventar  cousas, se é posible", afirmou respecto a a organización de actos para o Entroido pontevedrés, admitindo que a evolución da pandemia é mala a todos os niveis. 

Sobre a posibilidade de que o comité clínico decida na tarde deste martes reducir máis a mobilidade considera que será unha medida positiva para rebaixar os contaxios aínda que tamén esta decisión supón máis crise para determinados sectores económicos.

Lores recoñece que mentres nos Concellos pequenos a redución de mobilidade ten efectos positivos para o comercio de proximidade pero nas cidades supón unha limitación á entrada de persoas doutras localidades próximas afectando economicamente.