Lores apela a quen "quere a Pontevedra" ante o "grande reto" de que a cidade avance "con rumbo certo"

Pontevedra
18 de marzo 2023

Foi nunha cea con 2.000 persoas para "celebrar Pontevedra", unha cidade da que, como reiterou Fernández Lores durante a súa intervención, "estou namorado ata as trancas". Destacou que está "no meu mellor momento" da súa vida política e persoal e con máis ilusión "que nunca"

Cea de precampaña do BNG no Recinto Feiral Mónica Patxot

Unhas dúas mil persoas arrouparon este venres ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na cea coa que o BNG quentou motores para a inminente campaña electoral para as eleccións municipais de maio.

Acompañárono, entre outros, empresarios e representantes da sociedade civil, cidadáns a título particular, membros do seu grupo municipal, os alcaldes de Poio ou Barro, Luciano Sobral e Xosé Manuel Fernández Abraldes; o deputado no Congreso, Néstor Rego; ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Foi unha cea para "celebrar Pontevedra", unha cidade da que, como reiterou Fernández Lores durante a súa intervención, "estou namorado ata as trancas". Destacou que está "no meu mellor momento" da súa vida política e persoal e con máis ilusión "que nunca".

Apoiándose na "paixón" que asegura sentir pola Boa Vila, pediu aos asistentes "e a todas as persoas que lle queren a Pontevedra", que lle acompañen nun "grande reto", o de conseguir que a cidade avance "con rumbo certo e crendo nas posibilidades de Pontevedra".

"Con entusiasmo por Pontevedra, con paixón por Pontevedra, poden ter confianza en que superaremos todos os retos que nos marcamos", subliñou Lores, que ironizou con que a oposición leve vinte anos "repetindo o mesmo", que está acabado, canso ou esgotado.

Para o alcalde, son os dirixentes "antipáticos e rancios" da dereita que levou á cidade "ao marasmo e ao desastre" nos anos 80 e 90 os que están cansados "de agardar por ter o goberno", un liderado que supoñería regresar á Pontevedra "casposa e en branco e negro".

A pesar diso, Fernández Lores pediu non confiarse de fronte ao 28 de maio. "Isto non está feito nin moito menos", dixo. Crer que será fácil "sería un erro do que nos teríamos que arrepentir", ante un PP que "vai a por todas con boas e, sobre todo, con malas artes".

Dentro dos logros alcanzados, o alcalde citou o recoñecemento internacional ao modelo urbano de Pontevedra e superar a Vigo como cidade xeradora de emprego: "Do "Vigo traballa, Pontevedra durme", pasamos a que hoxe Pontevedra traballa bastante máis que Vigo".

Antes de terminar, o alcalde tamén repasou algunhas das súas propostas de futuro, entre as que ademais de proxectos concretos para seguir avanzando na transformación da cidade, destacou Santa Clara, as series mundiais de tríatlon ou o converter a Pontevedra e a súa ría nun modelo ambiental "por moito que se opoñan o PP e o Supremo".

ANA PONTÓN: "A VELLA PONTEVEDRA PESIMISTA E DENEGRIDA É HOXE UNHA CIDADE ALEGRE, VITALISTA E OPTIMISTA"

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG centrou o seu discurso en encomiar a transformación que, co liderado de Miguel Anxo Fernández Lores, protagonizou Pontevedra, demostrando que se pode "superar barreiras" e avanzar "a un ritmo rápido e positivo".

Pontevedra, segundo Ana Pontón, é un exemplo de "como se poden derrubar os mitos, os lugares comúns que limitaban ás súas potencialidades e as súas posibilidades", pasando de ser unha cidade "clasista" a unha urbe na que existe unha gran cohesión social.

"Aquela vella Pontevedra, terra de caciques, pesimista e denegrida é hoxe unha cidade alegre, vitalista e optimista", subliñou Pontón, que celebrou que a Boa Vila sexa actualmente unha cidade cun modelo propio "envexado en medio mundo".

Pontón destacou o "entusiasmo, vitalidade e empuxe" que demostran o alcalde e o seu equipo de goberno, "que pensaron Pontevedra en grande" e levárono á práctica "superando todas as trabas, mitos, miserias, lugares comúns, e o ananismo mental da dereita".

A súa idea, segundo a líder nacionalista, "é poder facer realidade esa Galicia en grande como se está a facer en Pontevedra", mostrando a súa confianza en que "máis cedo que tarde", toda Galicia "deixará atrás o derrotismo e a falta de confianza no país".

PROTESTA DOS FUNCIONARIOS MUNICIPAIS

Ás portas desta cea, que se celebrou no Recinto Feiral, concentráronse como esta previsto unha nutrida representación dos funcionarios municipais, convocados pola Xunta de Persoal, para protestar polo clima laboral que existe no Concello e a falta de diálogo.

Con esta acción, os representantes sindicais han querido mostrar o seu malestar co goberno local ao entender que están a sufrir un dos conflitos laborais máis longos na historia de Galicia, que acumula sentenzas a favor dos traballadores que non se executan.