Lores "agradece" ao Supremo a súa "axilidade" porque abre ao Concello a vía para recorrer a prórroga de ENCE ante o Constitucional

Pontevedra
05 de xullo 2023

Lores lembrou que o Concello de Pontevedra contratou os servizos do despacho de avogados Caamaño, Concheiro & Seoane (CCS Avogados) para coordinar a estratexia xurídica asumindo o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. "Estamos a traballar xa nel", indicou sobre ese recurso que se presentará "en breve"  

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Cristina Saiz

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, entende que era "previsible" o auto do Tribunal Supremo contrario ao incidente de nulidade presentado polo Concello e a Avogacía do Estado contra a sentenza ditada polo mesmo tribunal o pasado mes de febreiro que dá validez á prórroga de 60 anos da concesión da fábrica de Ence en Lourizán.

"Non se deron moitos casos nos que un tribunal se enmiende a plana a si mesmo", comentou Lores sobre este auto emitido polo Supremo apenas dous meses despois da presentación do recurso por parte do Concello.

"Sabiamos que no Supremo estaba atado e ben atado, pero era un paso que había que dar" comentou este mércores en rolda de prensa o alcalde de Pontevedra que, neste sentido, dixo que "eu quero, que se me entenda ben, agradecerlle ao Tribunal Supremo a súa axilidade e que fose conciso á hora de manifestar a súa opinión" xa que desta maneira "ábrenos o próximo paso que é presentar o recurso ante o Tribunal Constitucional".

Lores lembrou que o Concello de Pontevedra contratou os servizos do despacho de avogados Caamaño, Concheiro & Seoane (CCS Avogados) para coordinar a estratexia xurídica asumindo o recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional. "Estamos a traballar xa nel", indicou sobre ese recurso que se presentará "en breve".

Segundo indicou o alcalde, no equipo que dirixe Francisco Caamaño, quen foi ministro de Xustiza entre 2009 e 2011 durante a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero, "entenden que hai moitísimos argumentos xurídicos" ao redor da "indefensión" que alega a Administración local xa que nin o Supremo nin a Audiencia Nacional atenderon todas as argumentacións presentadas contra a concesión da prórroga.

"Á espera do ditame do Tribunal Constitucional, no caso de que fose negativo, indiscutiblemente imos ir aos tribunais da Unión Europea, iso está acordado así", avanzou o rexedor que confía en que esta última instancia española "sexa favorable aos intereses dos pontevedreses" antes de abrir a vía xudicial europea. 

"Cremos que temos todo o dereito do mundo para recuperar o dominio público marítimo terrestre nunha concesión que non debeu facerse nunca", sentenciou Lores, "este Concello, mentres eu sexa alcalde, non vai deixar de loitar por recuperar a ría de Pontevedra" xa que está convencido de que a localización da fábrica de celulosas en Lourizán é "unha condena das máis graves que pode ter unha cidade e unha comarca".