O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi un dos protagonistas da xornada 'Ciudades SOStenibles' que se está a celebrar en Sevilla. Alí, expuxo os principais fitos da transformación urbana pontevedresa e avogou porque as cidades adopten medidas ambientais para combater a emerxencia climática.
Fernández Lores explicou que as cidades teñen a "necesidade perentoria" de tomar medidas medio ambientais de redución de tráfico, especialmente as urbes máis grandes nas que hai un sistema de transporte público "potente" que non poden ter as vilas máis pequenas.
"Obrigatoriamente, antes ou despois, todas as cidades van ter que tomar o camiño das políticas medio ambientais, porque as cidades teñen que ser habitables para as persoas", sinalou o alcalde tras ser preguntado pola moderadora, a directora de eldiario.es en Andalucía, Lucrecia Hevia, sobre se o modelo Pontevedra sería extrapolable a unha cidade como Sevilla.
De cara o futuro, Lores explicou que en Pontevedra se está traballando nos barrios nos que aínda non se actuou con criterios de calidade urbana e tamén en trasladar estes criterios aos núcleos rurais.
Ademais, en materia medio ambiental, tamén explicou o novo sistema de xestión de residuos a través da compostaxe, tanto coa posta en marcha dos composteiros comunitarios na cidade e dos composteiros individuais no rural, como coa previsión da futura planta de compostaxe.
Por último, tamén avanzou o proxecto do transporte a demanda, como un sistema de transporte colectivo con capacidade para dar servizo a unha poboación como a galega, caracterizada pola dispersión.
Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado na mesa redonda polo alcalde de Sevilla, Juan Espadas, que na presentación destacou a "valentía política" do goberno municipal de Pontevedra "para acadar a harmonía precisa para acometer a transformación da cidade".
A cuestión da vontade política e a reacción da veciñanza ante as primeiras actuacións tamén foron materia de interese nesta mesa redonda, así como os galardóns internacionais que Pontevedra vén acadando nos últimos anos e a proxección mundial que supón.
"É bo porque nos pon no mapa, pero o mellor é que os pontevedreses e pontevedresas están orgullosas da súa cidade e fixeron seu o proxecto e iso é o verdadeiramente importante, porque sen o apoio da xente non sería posible", concluíu o alcalde.