Loito oficial en Portas polo peche da sucursal de Abanca

Umia
31 de agosto 2021

A corporación municipal aprobou este martes por unanimidade decretar un día de loito oficial se pecha a sucursal de Abanca e iniciar mobilizacións de protesta. Pendurarán varias pancartas e anuncian que, en caso de levarse a cabo a supresión da oficina bancaria, retirarán todas as contas municipais

Pleno no Concello de Portas Concello de Portas

Por unanimidade, a corporación municipal de Portas decidiu, no pleno extraordinario celebrado este martes, un decálogo de medidas que recolle o rexeitamento á decisión da dirección de Abanca de pechar a única oficina bancaria que posúe este municipio e decretar un día de loito oficial para o día 22 de setembro, data prevista do peche da sucursal.

Así, expresaron o seu "malestar e rexeitamento total a esta decisión unilateral e inxustificada tomada de xeito irreflexivo por Abanca" e o seu desacordo polas consecuencias económicas e sociais negativas que esta decisión traerá para os clientes e usuarios da entidade no municipio.

O alcalde, Ricardo Martínez, e a totalidade dos concelleiros (PPdeG, BNG, VUP e PSdeG-PSOE) apoiaron a convocatoria de actos de protestas e mobilización e instaron ao goberno municipal a iniciar contactos con outras entidades financeiras ou axentes bancarios para que poidan instalarse no municipio.

O Concello de Portas clausurará todas as súas contas en Abanca no caso de que leve a cabo a decisión anunciada de pechar a súa sucursal no municipio.

Os voceiros municipais coincidiron na necesidade de conservar a unidade de acción e acordaron pendurar este mércores na fachada do consistorio e noutros lugares estratéxicos varias pancartas de protesta. Responsabilizan á dirección de Abanca deste "ataque contra os dereitos dos nosos maiores, vítimas da fenda tecnolóxica e abandonados á súa sorte á hora de poder cobrar as súas pensións ou atender as súas xestións bancarias".

Tamén confirmaron o seu desexo de convocar unha manifestación unitaria de protesta que terá lugar en datas próximas e que será consensuada entre tódolos grupos unha vez analizadas as mellores opcións para garantir o maior número de persoas posibles neste acto de repulsa cívica cidadá.

A corporación de Portas insta á Xunta de Galicia para que actúe e esixa ás administracións do Estado "que lexislen para velar polo mantemento de servizos básicos nos concellos rurais".