A loita de tres nais por un servizo de logopedia estable en Pontevedra

Pontevedra
27 de outubro 2024

Recollemos a preocupación de Verónica, Alejandra e María del Mar na atención que reciben as súas fillas, así como o apoio que lle brindan desde o Colexio de Logopedas de Galicia e a Plataforma Loita

Verónica Rial, a súa filla Sara e Alejandra Lorenzo diante do Hospital Provincial Mónica Patxot

Un grupo de tres nais de menores con hipoacusia alzou a voz para denunciar a falta de estabilidade no servizo de Logopedia ofrecido na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés nos hospitais Provincial e Montecelo.

Verónica Rial, Alejandra Lorenzo e María del Mar Cuiñas, integrantes da Plataforma LOITA (Plataforma cidadá para loitar polos dereitos dos nenos, nenas, nais e adolescentes), compartiron con PontevedraViva as súas experiencias e preocupacións na atención que están a recibir as súas fillas.

Verónica Rial, de Barro, é nai de Sara, unha nena de dez anos que utiliza implantes cocleares e que leva desde os 5 meses de idade acudindo a sesións de logopedia. Este último ano experimentou un constante cambio de logopedas, o que, segundo exemplifica a súa nai, "é como cambiar de profesor todos os meses".

Rial explica que, a pesar de que a súa filla necesita unha atención continua e personalizada, o servizo estivo marcado pola rotación de profesionais, o que afectou gravemente o seu progreso en logopedia. "Cando cambian, temos que volver a empezar; pérdese toda a información e a continuidade no tratamento", lamenta.

Presentou varias reclamacións sen resposta, a última ante a Valedora do Pobo. "Neste momento, a reclamación vai en base a que me cambian o logopeda cada mes e en que nos cambiaron en menos dun ano catro veces o emprazamento do servizo", insiste.

Verónica Rial coa súa filla SaraMónica Patxot

Pola súa banda, Alejandra Lorenzo, de Pontevedra, nai dunha nena con hipoacusia severa bilateral diagnosticada con ano e medio (está a piques de cumprir 9 anos), tivo unha experiencia similar, resaltando que a súa filla foi atendida por polo menos catro logopedas diferentes no último ano. Tamén segue esperando unha resposta ás súas reclamacións.

A falta de continuidade nas sesións xerou que a súa nena perciba as terapias como unha perda de tempo, o que agrava o seu xa complicado proceso de aprendizaxe e adaptación.

"Aínda que lle asignaron 50 sesións máis, non sabemos se manterán ao mesmo logopeda", sinala. En contraposición á atención privada que recibe, onde si hai estabilidade, comenta que no ámbito público "a estabilidade pérdea, vólvese un proceso moi frustrante".

María del Mar Cuiñas, residente en Poio, súmase á denuncia, advertindo que a falta de persoal e a mala xestión tamén son problemas que afectan á atención temperá en xeral. "En logopedia non só temos cambios de profesionais, tamén hai escaseza de terapeutas", sostén Cuiñas, quen tamén indica que a súa filla viu reducidas as súas sesións de media hora á semana debido á falta de recursos.

A filla de María del Mar, de case seis anos, padece unha mutación xenética ultra rara, asociada a un trastorno do neurodesarrollo, polo que xa comezou a mostrar signos de hipoacusia, entre outros. Desde os dous anos, a súa filla estivo recibindo terapias no Hospital Provincial, no servizo de Atención Temperá, pero debido á falta de recursos, os seus tratamentos foron reducidos drasticamente.

Alejandra Lorenzo, Verónica Rial e a súa filla SaraMónica Patxot

DESEMBOLSO ECONÓMICO

Nos casos de Verónica, Alejandra e María del Mar tiveron que buscar atención privada debido á insuficiencia das sesións públicas e á inestabilidade do persoal logopédico. Neste sentido, recalcan que só están a reclamar un dereito fundamental á atención sanitaria e que non é xusto que as familias teñan que estar a facer un esforzo económico importante cando a sanidade pública debería cubrir eses servizos.

Verónica calcula que entre logopeda e psicopedagogo o desembolso mensual ascende a unha media de250 euros, o cambio de batería de cada un dos implantes de Sara supón 250 euros ou 125 euros repor un cable de 6 cm específico destes aparellos.

Alejandra, pola súa banda, gastou un total de 12.000 euros na compra de audífonos para a súa filla, xa que cada par de audífonos costa 6.000 euros e recentemente tivo que substituílos debido á necesidade de dispositivos máis potentes. Ademais de sesións privadas de logopedia.

María del Mar tamén tivo que recorrer a diversos tratamentos privados, o que supuxo un gasto significativo. Menciona, como exemplo, que tivo que pagar 1.190 euros por un estudo xenético necesario, ademais de cubrir os custos das terapias que non recibe no sistema público.

A situación xerou unha gran frustración, xa que se enfronta a unha serie de obstáculos e falta de comunicación entre os diferentes profesionais encargados do tratamento da súa filla.

ORIXE DO PROBLEMA

As tres nais coinciden en sinalar que os problemas coa atención en logopedia arrincan o ano pasado, cando o Sergas rompe o convenio con Quirónsalud, en cuxos centros os menores recibían as sesións de logopedia. Primeiro no Instituto de Neuro-rehabilitación Quirónsalud en Poio (antigo Sanatorio La Merced) e, unha vez clausurado, no Centro de Rehabilitación Quirónsalud Pontevedra.

A partir de aí, deriváronas en xuño deste ano ao servizo de Logopedia no Hospital Provincial e, neste mes de outubro, ao Hospital Montecelo.

"O 25 de setembro déronnos un papel, cando a miña filla saíu do logopeda, e ás nais presentes tamén llo deron, conforme o servizo pasábase a Montecelo. Pero en ningún momento deron opción de que se non se podía ir, polo que fóra, había a opción de quedar. Xamais dixeron iso", matiza.

Verónica Rial, a súa filla Sara e Alejandra Lorenzo na escalinata do Hospital ProvincialMónica Patxot

PLATAFORMA LOITA

Desde a Plataforma LOITA, que agrupa a máis de cen familias en toda Galicia, a súa portavoz Tamara Campos confirma que as denuncias de falta de recursos e cambios constantes nos terapeutas non son un caso illado. "Moitas familias séntense desamparadas e este problema está a afectar a centos de nenos en Galicia", afirma.

A plataforma anima a máis pais a presentar reclamacións, xa que unha maior cantidade de queixas podería facer que as autoridades actúen para resolver esta problemática. Na propia web de LOITA explícase como facer esta reclamación.

Desgraciadamente, na plataforma reciben a preocupación de moitas familias que non denuncian as irregularidades no sistema de atención á infancia por medo a represalias. Segundo Campos, este temor é común entre as familias que enfrontan a falta de continuidade nas terapias e o constante cambio de profesionais.

A pesar das dificultades, salienta en que é crucial que as familias presenten reclamacións nos centros de saúde para visibilizar os problemas e lograr unha solución.

COLEXIO DE LOGOPEDAS DE GALICIA

A precaria situación da atención en logopedia, tanto en Pontevedra como no resto de áreas sanitarias galegas foi corroborada por Javier Bueno, vicepresidente do Colexio de Logopedas de Galicia, en conversación con PontevedraViva.

Advirte que o sistema de cambio de contratos de 9 meses para logopedas na sanidade pública leva unha rotación frecuente de terapeutas, obrigando aos novos logopedas a reiniciar o proceso de coñecer e valorar a cada paciente desde cero.

O vicepresidente dos logopedas galegos indica que esta práctica non só afecta á continuidade e estabilidade das terapias, especialmente no trato con nenos que requiren unha relación de confianza coa súa logopeda, senón que tamén impide que os profesionais se especialicen en áreas concretas debido á falta de previsibilidade nos seus postos de traballo.

Argumenta que aínda que se propuxeron algunhas melloras, como a posibilidade de contratos estendidos a un ano, a necesidade de estabilizar estas prazas en contratos estruturais vólvese urxente, xa que a demanda de logopedas é constante e non variou significativamente co tempo.

"A última oposición para logopedas foi en 2018, o que reflicte unha falta de planificación na atención, e afecta tanto a profesionais como a usuarios do servizo", menciona o profesional.

RESPOSTA DA XERENCIA DA ÁREA SANITARIA

Desde a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, o pasado 16 de outubro informábase a este medio que desde o 1 de outubro de 2024 habilitáronse tres novas consultas de Logopedia en horario de tarde, de luns a venres, no Hospital Montecelo, aumentando así a un total de catro consultas dispoñibles.

Estas novas instalacións están deseñadas para atender a pacientes maiores de seis anos con diversas patoloxías, mantendo a atención a nenos de 0 a 6 anos no Hospital Provincial.

Expoñen que a mellora na organización do servizo explícase como un esforzo por unificar a área de Logopedia e facilitar o acceso aos pacientes, destacando o traballo en equipo entre os profesionais e cun enfoque en mellorar a calidade do servizo.

Ademais, aseguran que a comunicación coas familias mantívose continua para garantir que os menores que o necesiten sigan recibindo tratamento, mesmo se non poden desprazarse a Montecelo.