Finalizou a remodelación da primeira planta da sede municipal no edificio número 30 da rúa Michelena.
A partir do 4 de decembro, ocuparán estas dependencias os servizos municipais de Secretaría, Persoal, Riscos Laborais e Contratación. Son ao redor de 30 funcionarios que temporalmente foron recolocados no Teatro Principal para acometer as reformas.
A empresa Ramírez executou esta reforma que custou algo máis de 425.000 euros, dos que 50.000 corresponden á adquisición de novo mobiliario e 375.000 á obra.
Os danos causados pola inundación provocada por unha avaría nun dos baños da planta superior atrasou a entrega desta obra sobre o prazo previsto inicialmente.
Tras unha visita a estas remodeladas dependencias, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores valorou positivamente o resultado da obra pola "calidade" deste "excelente espazo de traballo" que tamén redundará na "mellora na atención aos administrados".
As obras non terminan neste edificio porque xa está en axenda outra actuación na terceira e na cuarta planta.
Ademais está en marcha a reforma de Churruchaos, na que se investirán 1,37 millóns de euros. O obxectivo desta rehabilitación é renovar o interior do edificio de maneira integral, mantendo o seu uso para dependencias administrativas, tal e como viña funcionando ata agora, ao acoller os servizos de Cultura, Normalización Lingüística ou Medio Ambiente.