Localizan no monte de Marcón unha vertedura da limpeza dunha vivenda de Defensa con información dos seus moradores

Pontevedra
20 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os axentes confirmaron que se trataba dun piso xestionado polo Ministerio de Defensa, que ao falecer os seus moradores, foi limpado por unha empresa á que o Ministerio encarga estes traballos a nivel estatal

Vehículo da Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

A Policía local de Pontevedra localizou o pasado 11 de marzo unha vertedura no lugar de Sabarís, na parroquia de Marcón onde, nunha pista forestal, se atoparon diversos mobles vellos, somieres, colchóns e unha maleta na que aparecía documentación privada de varias persoas, e na que figuraba unha dirección da cidade.

Segundo informou o Concello de Pontevedra, os axentes municipais realizaron diversas xestións e identificaron que o piso está sendo xestionado por Patrimonio do Ministerio de Defensa e os seus moradores faleceran. 

En contacto coa Subdelegación de Defensa, a Policía coñece que os responsables do Ministerio tramitaran a limpeza do domicilio, xa que quedara baleiro, e solicitaron os servizos dunha empresa con domicilio social na cidade de Madrid, que é a compañía que se encarga deste tipo de traballos para Defensa a nivel estatal.

Dende Defensa confirmouse que foi a empresa a que fixo os traballos de limpeza do domicilio e ofrecen á Policía contactos das persoas que o fixeron.

A Policía remitiu por correo electrónico o informe gráfico dos verquidos á empresa que contestou solicitando que se lle enviase a localización destes restos. Ademais, a Policía requiríalle, que no caso de recollelos, enviase confirmación.

Este sábado pasado, 16 de marzo, a Policía comprobou no lugar de que todos os enseres foran recollidos, pero non chegou a recibir resposta ao correo electrónico tal e como se lle tiña solicitado.