Localizan dous varóns extraendo ameixa de xeito furtivo na ría de Pontevedra

Poio
21 de xuño 2019

Foron interceptados 25,6 quilos de ameixa, devolta despois ao mar. Nos últimos sete días os axentes recuperaron máis de 100 quilos de ameixa extraídos de xeito irregular na ría de Pontevedra

Mariscadora traballando Mónica Patxot

Axentes da Policía Autonómica veñen de desenvolver un dispositivo especial na zona de Campelo e Combarro, en Poio. Na madrugada do día 20, os axentes contaron coa colaboración dos vixiantes da confraría de San Telmo.

Os axentes localizaron no operativo a dous varóns extraendo bivalvo de xeito furtivo, sendo interceptados cando se dispoñían a abandonar o areal. A ameixa extraída sumaba un total de 25,6 quilos, sendo posteriormente devolta ao mar.

A unidade policial instruíu dilixencias ao tratarse de furtivos habituais que extraen o bivalvo en diferentes puntos da ría sen permiso ou autorización legal, co obxectivo de destinalo ao consumo humano directo sen garantir nin a salubridade nin a trazabilidade alimentaria do produto.

Nos últimos sete días os axentes recuperaron máis de 100 quilos de ameixa extraídos de xeito irregular durante o desenrolo dos dispositivos da loita contra o furtivismo na ría de Pontevedra.