Lixeiro descenso de pacientes con covid-19 nos hospitais, pero aumento de contaxios, 39 novos positivos nun día

Pontevedra
28 de abril 2021
Actualizado: 12:06

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten este martes 24 pacientes hospitalizados, tres menos que o martes. Na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo hai catro, un menos. En total, hai 478 casos activos, 20 casos máis que o día anterior, tras unha xornada na que se curaron 19 persoas

Test de antíxenos para detectar casos de covid-19 Mónica Patxot

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vive a cuarta onda da pandemia con pequenos altibaixos que varían lixeiramente a presión asistencial nos distintos hospitais. Este mércores, en concreto, hai tres pacientes con covid-19 ingresados menos que o martes, un lixeiro descenso. 

En total, son 24 os pacientes hospitalizados fronte aos 27 do martes e destaca especialmente o cambio rexistrado na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo, que ten catro pacientes graves, un menos nunha xornada. 

Ademais, hai 20 pacientes con covid-19 ingresados en planta de hospitalización, dos que 14 están no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 6 no Hospital do Salnés. Son dous menos que lle día anterior. 

A pesar deste pequeno descenso de pacientes hospitalizados, os contaxios non se deteñen. O balance oficial do Servizo Galego de Saúde confirma que na área sanitaria hai 478 casos activos e que na última xornada confirmáronse 39 novos positivos dun total de 1.310 probas PCR (non todos os positivos confírmanse por esta probas, pois tamén hai casos detectados en test de antígenos). 

En total, hai 20 casos activos máis que o día anterior, tras unha xornada na que se curaron 19 pacientes con covid-19. En total, desde o inicio da pandemia curáronse na área sanitaria 12.885 persoas. 

Do total de 478 casos activos, 454 son pacientes asintomáticos ou con síntomas leves que evolucionan no seu domicilio.

Na última xornada non se rexistrou ningún falecemento e ata o momento morreron por este virus na área sanitaria 171 pacientes.

En canto a realización de PCR’ s, desde o inicio da pandemia realizáronse en Pontevedra e O Salnés un total de 208.572.

EVOLUCIÓN EN GALICIA

A nivel autonómico, hai este mércores un total de 3.048 casos activos tras detectarse 196 novos positivos nunha xornada. Deles, 174 confirmáronse por probas  PCR. En total, son 26 casos activos máis que o día anterior. 

Nos hospitais galegos hai 207 pacientes con covid-19, 13 pacientes menos que a xornada anterior. Deles, 163 están en planta e 44 en unidades de coidados críticos. Son dous menos en UCI nunha xornada. 

Por áreas sanitarias, tan só baixan os casos en Ferrol e Ourense. En Ferrol hai 98 casos (-16) e en Ourense suman 254 (10 menos). En Santiago a situación continúa igual, con 347 casos activos, e no resto de Galicia aumentaron. Así, Vigo segue sendo a área con máis casos activos, 906 (12 máis); e hai na Coruña 750 (+9); en Pontevedra 478 (+20); e en Lugo 215 (+11).