A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés baixou nun paciente o número de ingresos por coronavirus nos hospitais. 17 pacientes atópanse en planta de hospitalización do Hospital Montecelo, unha persoa permanece no Hospital do Salnés e outro ingresado atópase na Unidade de Coidados Críticos en Montecelo. Nas últimas horas, outro paciente abandonou a UCI do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ( CHUP)
Tamén baixaron os casos activos. Pasouse de 215 rexistrados este venres aos 206 positivos que a Consellería de Sanidade comunica este 27 de marzo. Trátase dunha baixada de nove casos.
187 persoas recupéranse nas súas vivendas. Nas últimas 24 horas realizáronse 868 probas PCR nas que se detectaron 10 novos casos. A área sanitaria suma 161 pacientes falecidos desde o inicio da continxencia.
A incidencia acumulada na cidade de Pontevedra a 7 días é de 23,81 por 100.000 habitantes mentres que a incidencia acumulada a 14 días sitúase en 47,61.
DATOS EN GALICIA
En Galicia, durante a última xornada detectáronse 152 novos casos, alcanzando os 2.357 positivos na comunidade. Dos que 184 pacientes atópanse hospitalizados, 32 deles na Unidade de Coidados Críticos.
Durante as últimas horas faleceu un paciente por covid-19 e o número de mortes desde o inicio do plan de continxencia ascende a 2.332.
A incidencia acumulada en Galicia a 7 días é de 31 casos por cada 100.000 persoas e a referida a 14 días sitúase en 68 casos.