Limpeza de refugallos na praia do Laño no Día mundial dos Océanos

Poio
07 de xuño 2015

Ao redor de 30 persoas participaron na limpeza da praia de Laño este sábado 6 a últimas horas da tarde. Durante a intervención que durou unha hora recolléronse 150 quilos de lixo de todo tipo

Participantes na limpeza da praia do Laño Non á Depuradora en Samieira

Ao redor de 30 persoas participaron na limpeza da praia de Laño este sábado 6 a última hora da tarde. Durante a intervención que durou unha hora recolléronse 150 quilos de lixo de todo tipo, o dobre de quilos que na xornada realizada en 2014.

Entre os elementos non naturais, os veciños recolleron paquetes de tabaco, cabichas, latas, botes, envases, bolsas de plástico, botellas de vidro, redes, cordas, cubos, ademais de palés, restos de obra e sacos de grandes dimensións afundidos na area, segundo informan os veciños.

Con esta actividade, os organizadores queren destacar o valor deste ámbito natural a raíz do proxecto da construción dunha depuradora para Poio e Sanxenxo nesta zona. Esta instalación contou co rexeitamento de máis de 2.300 persoas e, tal e como apuntan os veciños, co recoñecemento público por parte de Augas de Galicia da súa inviabilidade en setembro de 2012.

Dentro desta campaña que impulsa Adega con motivo do Día mundial dos Océanos, a limpeza de Laño volveu ser a única iniciativa destas características que se realizou na ría de Pontevedra.