Limpan a rede de pluviais da cidade para que estea en perfecto estado para o inverno

Pontevedra
08 de novembro 2019

Estes traballos realízanse durante todo o ano pero se intensifican coa chegada do outono, segundo informa o goberno municipal. A limpeza de sumidoiros realízana equipos de dúas persoas seguindo unha ruta predefinida e o método de limpeza é, xeralmente, manual

Limpeza dos sumidoiros de pluviais en Pontevedra Concello de Pontevedra

Operarios da empresa Viaqua están a realizar unha limpeza intensiva na rede de pluviais que hai na cidade, un total de 8.520 sumidoiros, para que evacúen sen problema a auga da choiva que se agarda para o outono e o inverno e se minimicen as incidencias.

Estes traballos realízanse durante todo o ano pero se intensifican coa chegada do outono, segundo informa o goberno municipal.

A limpeza de sumidoiros realízana equipos de dúas persoas seguindo unha ruta predefinida e o método de limpeza é, xeralmente, manual.

Os operarios dispoñen dunha aplicación informática na que introducen a limpeza do sumidoiro e o grao de colmatación. Todas estas actuacións quedan rexistradas para ter constancia das zonas limpas, e co tratamento posterior dos datos, conclúese cales son as zonas máis afectadas e as que requiren unha frecuencia maior de limpeza.

Pontevedra dispón dun inventario dixitalizado coa localización de todos os sumidoiros existentes na rede de pluviais. Viaqua efectuou este ano 14.500 limpezas ata o mes de outubro, o que significa que os sumidoiros existentes na cidade foron xa limpados, cando menos, unha vez.

En función da problemática da zona, nalgúns casos límpanse dous e mesmo máis veces ao ano. 

Así mesmo, tamén se completou a limpeza dos 16.955 pozos e 525,70 quilómetros de canalizacións e se porán en marcha campañas especiais -plans de choque- no momento en que se comunican alertas de temporal ou que se prevén episodios de choivas intensas.

Estes plans revisan de forma máis exhaustiva puntos críticos da rede, para que estean en perfectas condicións de funcionamento durante estes episodios e non se xeren incidencias que poidan afectar o funcionamento normal da cidade.