Licitan por 257.000 euros a renovación da instalación de protección de incendios do CGTD

Pontevedra
29 de abril 2024

A plataforma Contratos públicos de Galicia publica este luns a licitación da obra coa previsión de que os traballos poidan comezar en setembro. A adxudicación produciríase a finais de xullo e a formalización do contrato a comezos de agosto. Terá un prazo de execución de catro meses

Instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)

A Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación do proxecto de conservación, reparación e renovación da instalación de protección de incendios do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), unha actuación valorada en máis de 257.000 euros. 

A plataforma Contratos públicos de Galicia publica este luns a licitación da obra coa previsión de que os traballos poidan comezar en setembro e estar rematados a final de ano.

As empresas interesadas en optar ao contrato dispoñen de 26 días naturais, ata o 27 de maio, para presentar as ofertas a través  do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX), no enderezo electrónico www.conselleriadefacenda.es/silex.

A adxudicación produciríase a finais de xullo e a formalización do contrato a comezos de agosto. Logo, a actuación terá un prazo de execución de catro meses.