Licitan a redacción do proxecto para a construción da nova EDAR de Barro

Barro
27 de agosto 2021

Hai dous anos, o Concello comprou por 53.000 euros unha parcela de máis de 7.000 metros cadrados a carón da N-550 para albergar esta EDAR, que tería capacidade para máis vivendas que as actuais, contemplando así a posibilidade de crecemento a longo prazo do municipio

Parcela na que se construirá a nova EDAR de Barro Concello de Barro

Case 45.000 euros. É o que destinará o goberno municipal de Barro á redacción do proxecto construtivo da nova estación de tratamento de augas residuais (EDAR) do municipio.

A instalación estará no lugar do Carballal e con ela o saneamento, que ata o de agora se limita case en exclusiva ao núcleo urbano, poderá chegar a todas as parroquias do concello. 

As empresas licitadoras interesadas en concursar deberán presentar as súas ofertas obrigatoriamente a través da ferramenta de preparación e presentación de ofertas de licitación electrónica.

O goberno municipal ten o obxectivo de que, unha vez estea finalizada a redacción do proxecto e calculado o valor da infraestrutura, comece o proceso de busca de financiamento doutras administracións para poder construír a EDAR o antes posible.

Hai dous anos, o Concello comprou por 53.000 euros unha parcela de máis de 7.000 metros cadrados a carón da N-550 para albergar esta EDAR, que tería capacidade para máis vivendas que as actuais, contemplando así a posibilidade de crecemento a longo prazo do municipio.