Libros solidarios que alimentan a mente…. E tamén o corpo

Pontevedra
01 de outubro 2023

"Sabiades que máis de 637.000 galegos viven en risco de pobreza?" A pregunta apela á conciencia social desde unha lousa da librería Erebor e anuncia a nova iniciativa solidaria que acaba de poñer en marcha este establecemento de Uxío Novoneyra: recollen libros e os beneficios da súa venda dóanos ao Banco de Alimentos de Sanxenxo

Ángel Cuñarro, responsable de Erebor Cómics, cos libros solidarios Mónica Patxot

"Sabiades que máis de 637.000 galegos viven en risco de pobreza?" A pregunta apela á conciencia social de todas as persoas que pasan pola rúa Poeta Uxío Novoneyra de Pontevedra á altura da librería Erebor. Alí, nunha lousa na beirarrúa, serve de reclamo para a nova iniciativa solidaria que acaba de poñer en marcha este establecemento especializado en cómics: recollen libros e os beneficios da súa venda dóanos ao Banco de Alimentos de Sanxenxo.

Ángel Cuñarro é o responsable deste negocio que abriu as súas portas o pasado 25 de abril e a principios de setembro animouse a poñer en marcha un proxecto co que axudar á poboación máis vulnerable. E é que moitas desas 637.000 persoas en risco de pobreza dependen de bancos de alimentos ou doazóns para poder comer e quere poñer o seu gran de area para axudalos. 

Na familia de Ángel viviron "moi de preto" esa situación de vulnerabilidade e puideron comprobar en primeira persoa como traballa o Banco de Alimentos Rías Baixas de Sanxenxo. Agora que ten o escaparate do seu negocio para poder axudar, quixo devolver un pouco desa axuda que a súa contorna recibiu cando o necesitou. 

No seu negocio xa teñen un andel de libros de segunda man á venda, na que dan unha segunda ou terceira vida ás publicacións e agora, no medio do establecemento, decidiu poñer un novo andel que dea a eses libros, ademais, un fin solidario. 

A iniciativa consiste en recoller libros que a poboación doe de forma altruísta, expoñelos todos xuntos nese mesmo moble correctamente identificados cos seus fins solidarios e todo o diñeiro recadado da súa venda, destinalo ao Banco de Alimentos. 

Eses libros que a xente doa, véndense convenientemente identificados. Ángel catalógaos e ponlles un prezo case simbólico, na súa maioría entre 1 e 5 euros, aínda que algún ten un importe algo superior, en función do resultado desa catalogación. Cando alguén se interesa por eles e os compra, o diñeiro recadado vai á caixa das doazóns. 

De momento, xa recibiu en doazón ao redor de 150 libros, pero aínda falta dar o paso definitivo para a súa venda, pois nas primeiras semanas de actividade a recadación apenas chegou a 20 euros. Unha vez que esa cantidade suba e recaden xa unha cifra que rolde os 100 euros, realizará a primeira doazón. 

Eses libros que alimentaron a mente dos seus donos e posteriores doantes servirán, nesa segunda vida, para dar alimento físico para o corpo desas persoas que máis o necesitan. E todo, ademais, cunha data moi especial no horizonte, Nadal. E é que a intención de Andrés Cuñarro é estender a campaña ata decembro e que o diñeiro recadado axude a que esas datas tan especiais sexan un pouco máis levadías para esas familias con dificultades económicas.  

A través das redes sociais de Erebor, Andrés cita a Margaret Mead cando dixo: "Non subestimes a capacidade dun pequeno grupo de persoas para cambiar o mundo. De feito, é o único que o logrou". E chama á cidadanía a que faga ese pequeno xesto de entregar os seus libros para fins solidarios. 

Segundo explica Ángel Cuñarro, desde que puxo esa lousa na rúa, "todos os días vén alguén preguntando". Entran, interésanse pola iniciativa e "aos dous ou tres días, vén con libros para doar". Son persoas que están a facer mudanzas, outras que teñen pouco sitio en casa para gardar libros ou aquelas que deciden que non necesitan ter eses exemplares en casa e quere darlles a oportunidade de axudar a mellorar a vida dalgunha familia. 

"Sabemos por experiencia propia o que se pasa nestes casos", explica Ángel, consciente de que calquera doazón pode axudar a chegar a final de mes. Por iso agradece cada xesto dos que presencia na súa tenda. 

Entra moita xente preguntando se recollen libros de texto ou enciclopedias, pero tamén novelas, cómics e libros infantís. Agora, xa empezan a ter "bastante cantidade" de exemplares á venda que só esperan que, antes de Nadal, alguén os compre. 

A iniciativa pode estenderse mesmo máis aló de Nadal se ten boa acollida. E, nese caso, tamén buscarían outras iniciativas solidarias ás que axudar cos beneficios destes libros solidarios.