Liberan unha moza de Marín encerrada polo seu ex noivo nun zulo de Porriño "como castigo"

Marín
28 de xaneiro 2019

A moza, de 20 anos, indicou aos policías esa circunstancia do "castigo" cando acudiron a liberala tras recibir unha chamada de alerta dun veciño. O seu ex noivo, de 19 anos, está na prisión da Lama e ela foi trasladada a unha casa de acollida. Xa tiña unha orde de afastamento previa por violencia de xénero 

Intervención da Policía Local do Porriño (Arquivo) Concello do Porriño

Unha moza natural de Marín de 20 anos foi liberada pola Policía Local de Porriño dun zulo no que a tiña encerrada o seu ex noivo "como un castigo". Ela mesma indicou aos policías esa circunstancia do "castigo" cando os axentes acudiron a liberala.

A moza, con todo, acabou tamén detida porque, unha vez que quedou libre e o seu ex noivo foi detido, reaccionou de forma agresiva contra os axentes que practicaban o arresto. Segundo informou a Policía Local de Porriño, agrediu aos axentes e un deles ten un parte médico de lesións polas feridas sufridas. 

A rapaza foi detida por un delito de atentado e desobediencia grave á autoridade polo que pouco despois quedou en liberdade, pero mantendo a condición de investigada. Unha vez que quedou libre, foi trasladada a unha casa de acollida para vítimas de violencia de xénero

Nesta parella xa había antecedentes por episodios de violencia de xénero que facían que el tivese decretada unha orde de afastamento que lle impedía aproximarse á súa vítima e tamén unha orde de localización permanente. Tras a súa detención por este novo caso de violencia machista, pasou a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Porriño, que decretou o seu ingreso en prisión. 

Segundo a Policía Local da localidade, atribúenselle os delitos de violencia de xénero e quebrantamento de condena por incumprir a orde de afastamento que protexía á súa vítima e atópase no centro penal da Lama

Os feitos ocorreron xa o pasado 23 de xaneiro, pero transcenderon este luns. Os policías tiveron coñecemento da situación grazas a unha chamada de alerta dun veciño que aseguraba que nunha vivenda unifamiliar da parroquia de Cans había unha moza retida. Aínda que inicialmente o suposto agresor negou que a moza estivese na casa, os policías regresaron e acabaron atopándoa. 

A moza estaba nun habitáculo no salón da vivenda que tiña a porta modificada para que só puidésese acceder desde fóra, de modo que non tiña posibilidade de irse e recuperar a liberdade. Tras comprobar o que sucedía, e unha vez que ela lles explicou que a tiña alí "como castigo", os policías procederon á detención do suposto captador, Samuel P. R., de 19 anos. Nese momento, ela enfrontouse aos policías. 

O presunto captador xa estaba baixo a lupa da Policía Local por dedicarse ao trapicheo de droga. Tras a súa detención, os policías realizaron un rexistro da vivenda no que localizaron 10 bolsas de haxix preparadas para a súa venda polo miúdo, de modo que tamén se iniciou un atestado pola actividade de tráfico de drogas.