León e Querétaro, dous "monstros" de cidade que queren semellarse a Pontevedra

Pontevedra
29 de agosto 2017

León e Querétaro son dúas cidades "monstruosas". Así as cualifican os seus responsables políticos, debido ao seu tamaño e á súa poboación, próxima en ambos os casos aos dous millóns de habitantes. As dúas foron visitadas este luns pola delegación de Pontevedra desprazada a México, convidada polas autoridades locais para coñecer o modelo urbano da Boa Vila

Foro de intercambio celebrado entre Querétaro e Pontevedra

León e Querétaro son dúas cidades "monstruosas". Así as cualifican os seus responsables políticos, debido ao seu tamaño e á súa poboación, próxima en ambos os casos aos dous millóns de habitantes. As dúas foron visitadas este luns pola delegación de Pontevedra desprazada a México, convidada polas autoridades locais para coñecer o modelo urbano da Boa Vila.

Ningunha delas chega ao abismal tamaño de Cidade de México, primeira parada da expedición de Pontevedra, pero sofren os mesmos problemas de mobilidade: avenidas de ata seis carrís, centos de miles de coches saturando as súas rúas, nula accesibilidade nas súas beirarrúas e espazos públicos e unha gran hostilidade cara aos tránsitos peonís e ciclistas.

As dúas cidades mexicanas buscan referentes nos que inspirarse e por iso, aproveitando a visita de Pontevedra a México, quixeron coñecer as solucións adoptadas pola capital das Rías Baixas. Saben que, polas súas diferenzas, non poderán asumir o mesmo modelo de forma integral, pero si avanzar na súa filosofía en distritos ou barrios determinados.

En León, capital do estado de Guanajuato, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi recibido nas instalacións do Instituto Municipal de Planeamiento (IMPLAN) polo primeiro síndico do municipio, Carlos Medina, e pola directora do centro, Gabriela Amaro Fernández.

Medina, que foi alcalde de León, senador e gobernador do Estado, demostrou coñecer o modelo urbano de Pontevedra e afirmou, nada máis comezar o almorzo de traballo con rexedores -os concelleiros en México- e empresarios, que León desexa "aprender mucho de cómo lo fueron haciendo ustedes", xa que é unha formulación "dulce para los oídos".

Fernández Lores, na súa intervención, asegurou que non busca "darlle clases a ninguén" pero defendeu que o modelo urbano de Pontevedra "é a nosa seña de identidade", ao lograr mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños, xa que "se se iguala a todas as persoas a cidade é máis democrática".

O alcalde promocionou ademais Pontevedra como cidade comercial e de servizos, asegurando que a calidade urbana da cidade "xera emprego e crecemento económico". Trátase de dous aspectos de sumo interese para León, un municipio mexicano que basea a súa economía na fabricación de calzado, a industria agroalimentaria e o sector de automoción.

Tras responder as preguntas dos rexedores locais, interesados en coñecer a participación veciñal nas decisións adoptadas ou nas oportunidades de negocio que se presentan en Pontevedra, Lores recomendou á cidade de León que adopten medidas para recuperar os espazos públicos para os seus habitantes "antes de que siga crecendo".

A intensa axenda da expedición municipal fixo que, en León, o grupo se dividira en dous e os empresarios que acompañan ao Concello reuníranse, xunto coa concelleira de promoción económica, Anabel Gulías, con mulleres empresarias, representantes de múltiples sectores. O encontro serviu segundo ambas as partes, para analizar posibles intercambios comerciais.

Á súa chegada á cidade Querétaro, políticos e empresarios pontevedreses participaron como convidados nun foro de intercambio de experiencias sobre mobilidade, celebrado no Club de Industriais de Querétaro, e ao que asistiu, ademais dun centenar de persoas, o presidente do municipio, Marcos Aguilar Vega.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, detallou de novo ante o auditorio o modelo urbano de Pontevedra que, segundo destacou, logrou "transformar" a cidade e recuperar os espazos públicos para os cidadáns, outorgando prioridade ao peón sobre o vehículo privado. Ademais, unha vez máis, respondeu as preguntas dos asistentes, que se mostraron moi interesados en coñecer aspectos que puidesen adaptarse á realidade de Querétaro.

Antes de terminar o encontro tomou a palabra Marcos Aguilar Vega que sinalou que o seu municipio xa tomou medidas para mellorar a súa mobilidade, aínda que recoñeceu que non é fácil nunha cidade á que chegan diariamente "entre 25 y 47 familias" e onde o parque de vehículos pasou de 290.000 a case 700.000 en apenas trece anos.

Aínda así, explicou que o goberno municipal xa puxo en marcha un plan a dez anos no que, como primeiras medidas, implantarase transporte escolar gratuíto para que os pais xa non teñan que levar aos seus fillos ao colexio, construiranse case 200 quilómetros de ciclovías ou promocionarase edificar "hacia arriba y hacia adentro" para non ampliar máis a cidade.

Arquivado en