Leite para todos no Froebel

Pontevedra
27 de setembro 2017

Os lácteos volven estar de moda. Despois duns anos nos que, certos expertos, desaconsellaban o seu consumo en idades temperás, de novo vólvese destacar a importancia de introducir produtos sans, entre eles os derivados do leite, na dieta dos máis pequenos da casa. E máis en Galicia, líder neste sector agroalimentario

Campaña da FAO no colexio Froebel polo consumo de lácteos Mónica Patxot

Os lácteos volven estar de moda. Despois duns anos nos que, certos expertos, desaconsellaban o seu consumo en idades temperás, de novo vólvese destacar a importancia de introducir produtos sans, entre eles os derivados do leite, na dieta dos máis pequenos da casa. E máis en Galicia, líder neste sector agroalimentario.

Así, a FAO -entidade da ONU para a alimentación e a agricultura- elixiu este mércores o colexio Froebel de Pontevedra como escenario dunha campaña que celebra os beneficios asociados ao consumo de leite en idade escolar na saúde dos nenos.

Coincidindo co Día Mundial dos Lácteos na Escola, que se celebrou este 27 de setembro noutras cinco cidades españolas, este organismo apadriñou unha serie de accións en colexios para fomentar o consumo de produtos lácteos en nenos e adolescentes.

Á hora de introducir lácteos na dieta dos nenos, os maiores teñen un papel fundamental. Por iso, os protagonistas desta campaña son avós dos propios estudantes, que transmitiron o costume e os hábitos que tiñan na súa infancia con respecto ao consumo deste tipo de produtos.

Os maiores compartiron cos nenos un almorzo lácteo -leite, iogures, queixos ou batidos- e convertéronse nos seus mestres por un día, ensinándolles tamén a gozar de xogos tan clásicos como a peonza, o pano, as chapas ou a rayuela.

Foron uns sesenta alumnos de quinto e sexto de Primaria os que recibiron os consellos que se deron no marco desta campaña.

Ata o colexio Froebel acudiu tamén a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, que destacou o "afortunados" que somos os galegos de vivir nunha rexión líder no sector lácteo e con produtos de "calidade excelente" e recoñecidos internacionalmente.

Vázquez citou a existencia de estudos que recomendan que os nenos consuman produtos lácteos polo menos tres veces ao día, xa que contribúen a combater a aparición de enfermidades. A pesar de todo iso, o consumo de leite líquido en menores caeu, dixo, a niveis "alarmantes", por baixo do 30% dos nenos galegos.

A titular de Medio Rural tamén subliñou a importancia de produtos como o queixo, os iogures e outros derivados e chegou a propoñer o consumo de leite enteiro entre os nenos en lugar de produtos industriais e bebidas vexetais "que carecen dos nutrientes necesarios que se teñen os lácteos".