Las obras del antiguo centro médico de Carballedo, en proceso de contratación

Cerdedo-Cotobade
15 de outubro 2020

O investimento é de 423.000 euros e está sufragado pola Deputación e a Xunta

Antigo centro médico de Carballedo Concello de Cerdedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de iniciar o proceso de contratación das obras de rehabilitación do antigo centro médico de Carballedo para a súa conversión en casas que se poñerán no mercado baixo o formato de alugueiro social co obxectivo de permitir o asentamento de familias con poucos recursos.

Actualmente este inmoble apenas se usa como espazo municipal de almacenamento.

Tras o peche do prazo de recepción de ofertas, a mesa de contratación acaba de celebrar a súa primeira xuntanza, na que se realizou a apertura de plicas das sete propostas empresariais recibidas, para comezar cos trámites de baremación co obxectivo de proceder á adxudicación e ao comezo das obras no mes de novembro.

Esta actuación, deseñada por Manuel Antonio Silvares, permitirá crear catro vivendas neste histórico inmoble, que data de 1920 e foi unha escola antes de ter uso sanitario, grazas a un investimento global de 423.000 euros.

O proxecto, que dispón de permiso de Patrimonio, conta cunha subvención de 231.000 euros financiada co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e cunha partida de 192.000 euros por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao abeiro da liña de axudas do programa de rehabilitación de edificios de titularidade municipal da Xunta.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou, tras axilizar a tramitación e a consecución do financiamento en apenas uns meses, a importancia desta iniciativa "xa que nos permitirá poñer no mercado, baixo un formato social, unha ducia de vivendas, xa que a estas catro de Carballedo engadiranse as oito antigas casas dos mestres de Cerdedo cuxa restauración xa está en marcha hai algunhas semanas".