Lanzan os premios "GirlGeekCovid" para incentivar os estudos de ciencias entre as mulleres

Pontevedra
22 de setembro 2020

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo convocan este premio no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 aos que poden presentarse as alumnas matriculadas nestas titulacións dos campus de Vigo e Pontevedra

Dúas mulleres nun laboratorio de procesos químicos USC

Segundo o Observatorio da Igualdade da Universidade de Vigo, publicado neste mes de setembro, as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total de estudantes matriculados.

Convencidos de que esta infrarrepresentación pode xerar unha enorme fenda económica e salarial nun futuro no que se agarda que o 90% dos traballos van a pertencer a estes ámbitos, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo lanzan os Premios GirlGeekCovid, que se enmarcan na Cátedra de Feminismos 4.0 para facer fronte a esta situación e fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico.

A convocatoria está destinada ás alumnas dos campus de Vigo e Pontevedra matriculadas nalgunha das titulacións STEM (polas súas siglas en inglés) é o acrónimo dos termos Science, Technology, Engineering and Mathematics (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).

O premio ten como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, animou ás estudantes a presentarse a estes premios "porque as rapazas máis novas necesitan referentes femininos que lles expliquen a importancia de cursar estas carreiras, que lles reafirmen que unha nena pode estudiar o que ela queira, e o relevante que é para a sociedade actual poder contar co talento e co coñecemento das mulleres".

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa destacou que "o firme compromiso da presidencia da Deputación e da nosa universidade está posibilitando impulsar e reforzar as oportunidades para que as mozas opten e permanezan formándose no ámbito STEM, tan estratéxico na actualidade".

Os premios recoñecerán o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM.

A convocatoria contempla que se outorgará un primeiro premio de 2.000 euros e un accésit de 1.000 euros en cada rama (Ciencias e Enxeñaría). O xurado valorará tanto o expediente académico como a motivación das mozas, que deberán presentar unha carta na que amosen, por unha banda, as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e, por outra, onde reflexionen sobre a súa experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.