"Por favor, responsabilidade, isto non terminou". É o chamamento da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, para que a cidadanía extreme as precaucións fronte á covid-19 e non se relaxe na aplicación das medidas de prevención. Exprésase desta forma a preguntas dos xornalistas sobre o mega brote derivado de viaxes de estudantes de toda España a Mallorca, que xa suma en toda Galicia 155 casos.
Larriba explicou que, en xeral, o ocorrido en Baleares prodúcelle "moitísima tristeza" e parécelle "un paso atrás" na evolución da pandemia e lamentou o ocorrido despois do "enorme esforzo" realizado por toda a comunidade educativo durante o último curso académico. Estudantes e profesores de todos os niveis de ensino realizaron "un traballo ímprobo" que agora se ve embazado polo ocorrido en viaxes illadas que, na maioría dos casos -como en Pontevedra- non foron organizados polos centros educativos, senón a título privado.
Así, valora que "é moi triste que, superando este ano tan difícil, a responsabilidade dalgúns tivese esta consecuencia", en alusión a que o brote derivados dos estudantes que viaxaron a Mallorca afecta xa a outros estudantes que quedaron en Pontevedra e tiveron festas ou actos de graduación con eles e tamén á súa contorna, de tal maneira que os positivos se dispararon e Pontevedra entrará o sábado no nivel medio de restricións. Maica Larriba mantén que se tratou de viaxes "absolutamente irresponsables", non pola propia viaxe en si, senón "por todo o que rodeou a estancia en Mallorca".
"Como consecuencia dese lecer, xa vemos que en Pontevedra foi un paso atrás que vai afectar negativamente na actividade económica da cidade", lamentou Larriba, que lembra que a actividade económica está moi "necesitada" de normalidade.
A subdelegada mostrou o seu desexo de que "isto sirva de toque de atención para que a sociedade interiorice que isto non terminou, queda moito camiño por percorrer" e que, a pesar de que hai xa unha elevada porcentaxe de poboación vacinada, o virus segue xerando perigo e, ademais, "agora os máis novos son os máis vulnerables", con mozos na UCI.