La Duendeneta e Louband Street Band animarán a reactivación do 'botellódromo'

Pontevedra
14 de outubro 2021

O goberno local reactiva esta fin de semana o Recinto Feiral como usos festivos que permitirá acabar coa celebración de botellóns na zona vella

Acceso ao Recinto Ferial de Pontevedra Mónica Patxot

O botellódromo do Recinto Feiral de Pontevedra recuperará esta fin de semana a súa actividade con dous espectáculos musicais que teñen como obxectivo exercer como polo de atracción para o público máis novo. O venres, a partir das 21.30 horas, estacionará nesta chaira a Duendeneta, mentres que o sábado á mesma hora será Lou Van Street Band os que poñan música neste recinto festivo.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, explicou este xoves que a intención do goberno local é facilitar que os mozos gocen da festa con seguridade e alegría, "despois dun ano e medio moi complicado para eles", recalcou a edila.

A reactivación deste espazo, habilitado como espazo festivo e cultural no 2008, servirá tamén como solución aos problemas de convivencia xerados por mor da relaxación das restricións da pandemia, que propiciaron o regreso das concentracións masivas da mocidade e a celebración de botellóns no centro histórico da cidade. Unha situación que estaba a xerar grandes prexuízos á hostalería e aos residentes e que quedarán resoltos a partir desta fin de semana.

Sobre a legalidade desta decisión, da Silva xa explicara que a ordenanza municipal permite este tipo de usos no Recinto Feiral e que tampouco contradi a lei de Saúde Pública de Galicia, que impide o consumo de bebidas alcólicas en parques, rúas ou prazas, porque este espazo é "dotacional" como recinto de infraestrutura cultural e feiral.

"Este equipamento ten unhas características singulares", manifestou a representante municipal, que o equiparou con outros espazos como o Monte do Gozo de Santiago no que tamén se celebran eventos culturais nos que os asistentes consomen este tipo de bebidas.

Tamén descartan no Concello que a reapertura do botellódromo poida incrementar o risco de contaxios por covid-19 debido a que se se celebran festas ao aire libre como as de San Froilán en Lugo ou desaparecen as restricións para organizar reunións en espazos pechados, non ten sentido prohibir as agrupacións ao aire libre.

Con todo, é consciente de que se ten que seguir traballando para que o virus non volva circular, pero considera que a responsabilidade debe caer no equipo de rastrexadores da Xunta.

O goberno local traballa estes días na elaboración dun informe para a programación da actividade cultural e de lecer durante as fins de semana nese espazo situado no aparcamento superior do Pazo da Cultura.