Julio Sayáns, alcalde de Campo Lameiro durante 36 anos, falece a causa dun cancro

Umia
07 de setembro 2024

Mestre de profesión, Sayáns accedeu á alcaldía en 1983 como independente, para logo unirse ao Partido Popular en 1991. O Concello de Campo Lameiro decretou tres días de loito

Julio Sayáns con Alfonso Rueda en 2020 Partido Popular

Julio Gonzalo Sayáns Bugallo, quen fora alcalde de Campo Lameiro durante 36 anos consecutivos, faleceu nas últimas horas tras unha breve pero intensa batalla contra un cancro diagnosticado hai uns meses.

Sayáns, que se retirou da política en 2019 despois de encadear nove mandatos. Actualmente tiña 74 anos.

Mestre de profesión, Sayáns accedeu á alcaldía en 1983 como independente, para logo unirse ao Partido Popular en 1991.

Durante o seu longo mandato, foi un firme defensor do patrimonio cultural de Campo Lameiro, impulsando especialmente o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre.

Entre os seus logros como rexedor cóntanse a mellora de infraestruturas viarias, a creación do polígono industrial de Redonde, e a modernización de servizos básicos como o abastecemento de auga e o alcantarillado.

O actual alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, decretou tres días de loito oficial no municipio en recoñecemento á figura de Sayáns, moi respectada e querida entre a veciñanza.

Carlos Costa e os membros do equipo de goberno pretenden someter á consideración da Corporación Municipal o "recoñecemento perpetuo a un home que durante o seu mandato foi o principal responsable da mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Campo Lameiro".

Por este motivo tentarán poñer "o seu nome a unha céntrica rúa, concretamente á que enlaza o Consistorio co Colexio Pedro Antonio Cerviño, traxecto que facía de xeito habitual e representan os vértices da súa dedicación e vocación de servizo público".

Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, lamentou a súa perda.