Julio Araújo recorre a súa imputación entre críticas á investigación policial

Pontevedra
24 de outubro 2013

O avogado defensor de Julio Araújo xa formalizou ante o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra a solicitude de sobresemento parcial do caso aberto para aclarar a desaparición de Sonia Iglesias. Acudiu este xoves á Parda para presentar un escrito no que cuestiona que a investigación só afondou na suposta implicación do seu defendido e en que esta non se sustenta en probas concluíntes

Julio Araújo nunha comparecencia no Xulgado PontevedraViva

O avogado defensor de Julio Araújo xa formalizou ante o Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra a solicitude de sobresemento parcial do caso aberto para aclarar a desaparición de Sonia Iglesias Eirín o 18 de agosto de 2010.

O letrado acudiu este xoves aos xulgados da Parda para presentar un escrito de tres folios e medio no que pide, en concreto, que se arquive a imputación de Julio Araújo, tal e como avanzara tras reunirse o martes co seu defendido e único imputado na causa.

O documento presentado desmonta as probas que supostamente apuntan á implicación de Julio Araújo na desaparición da súa ex parella baseándose, fundamentalmente, en dous aspectos.

A primeira liña crítica baséase en argumentar que as probas que hai contra o único imputado non son suficientes para soster esta imputación. Baséanse, segundo se desprende do sumario que se deu a coñecer nos últimos días, na suposta mala relación de parella que había entre Sonia Iglesias e Julio Araújo antes de que ela desaparecese, nun informe psicóloxico dunha unidade de Intelixencia Policial, nunha paréntese de tempo no que se perde a pista a Julio Araújo e nun informe da súa compañía telefónica que sitúa o seu teléfono móbil na antena de Monte Castrove cando el asegura que ese día non se achegou por esa paraxe.

O fiscal xefe formaliza a petición de novas dilixencias, entre elas, a reconstrución das últimas horas de Sonia

O documento que pide o sobresemento insiste en argumentar por que ese informe telefónico referido "parece ser un erro técnico". Así, no momento en que supostamente a antena de Monte Castrove detecta a presenza do móbil el sostén que se dirixía ao barrio de Monte Porreiro a buscar a nai de Sonia Iglesias, de modo que non estaba preto deste monte de Poio. Ademais, catro minutos despois de que o móbil o sitúe nese repetidor de telefonía salta outra chamada no seu teléfono móbil que lle sitúa no centro de Pontevedra, na rúa Gutiérrez Mellado. Uns minutos despois, sitúao xa en Santa Margarida de Mourente.

O segundo aspecto que critica o escrito é que "la investigación fue unidireccional" e os seus responsables tan só afondaron nas pistas que podían implicalo a el, chegando a descartar outras posibles liñas de investigación. Así, cuestionan que non se deu importancia a testemuñas que aseguraron ter visto a Sonia Iglesias despois de que supostamente Julio Araújo a deixase e que houbo vías de investigación que non se explotaron para coñecer os supostos problemas sentimentais da parella ou para reconstruír os últimos movementos de ambos os dous o día da súa desaparición. A única reconstrución dos feitos co imputado fíxose meses despois da desaparición.

Por outra parte, este xoves tamén se confirmou que o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, tamén formalizou ante o xulgado a petición de novas dilixencias de investigación. O fiscal xefe ten pedido que se faga unha reconstrución detallada dos pasos de Sonia Iglesias e que se tome declaración en sede xudicial a varias testemuñas testemuñas xa interrogadas pola Policía como a nai da desaparecida ou a persoa que localizou a súa carteira no ámbito do Vao.

Arquivado en