Julio Araújo, investigado polo homicidio de Sonia Iglesias

Pontevedra
21 de febreiro 2018

Julio Araújo e o seu irmán menor, David, compareceron na Comisaría en calidade de investigados. Ambos se acolleron ao seu dereito a non declarar alegando que as actuacións están declaradas secretas e descoñecen os motivos polos que foron chamados ante os investigadores da Policía Nacional 

Julio Araújo, á súa saída da Comisaría tras declarar como investigado Mónica Patxot

Julio Araújo, ex parella de Sonia Iglesias, está investigado por un delito de homicidio nas indagacións abertas para aclarar a desaparición da pontevedresa en agosto de 2010. Hai anos, ata o arquivo da causa no ano 2015, estivera investigado neste caso por un delito de detención ilegal e cando este mércores o citaron a declarar na Comisaría Provincial as primeiras informacións apuntaban a que o facía polo mesmo delito, pero a sorpresa chegou no momento no que, xa ante os investigadores, léronlle os seus dereitos e comunicáronlle que a infracción pola que se lle investiga é máis grave, homicidio. 

Julio Araújo foi citado este mércores xunto ao seu irmán menor, David, ambos en calidade de investigados, un ás 17.00 e outro ás 18.00 horas. Ambos permaneceron dentro da Comisaría ao redor dunha hora e acolléronse ao seu dereito a non declarar

Ao remate da súa comparecencia, ambos saíron libres, aínda que se mantén a súa condición de investigado e non se descarta que poidan ser chamadas a declarar nos próximos días no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra que reabriu a causa. Á súa saída das dependencias policiais, o avogado de Julio confirmou que estaba investigado por homicidio, pero do seu irmán non transcendeu a imputación

O avogado de Julio Araújo, Jesús Santaló, explicou que estivo unha hora ante os investigadores, pero debido a unha cuestión informática que o atrasou todo. A comparecencia en si foi breve, pois se acolleu ao seu dereito a non declarar porque "las diligencias están secretas, no conocemos el contenido y optamos por no hacer ningún tipo de manifestación".

A citación en sede policial chegou tras a reapertura da causa meses atrás por mor dun informe policial, pero non transcendeu o contido dese documento nin ningún outro dato, pois as actuacións son secretas. De todos os xeitos, Jesús Santaló considera que "es evidente" que as probas ou novos elementos que determinaron a reapertura destas dilixencias "no parecen suficientemente sólidos", pois, en caso contrario, teríase adoptado algún tipo de medida e el segue en liberdade sen medidas cautelares. 

O letrado asegura que a el sorpréndelle que o citaran como investigado, pois non atopa elementos ou datos que o amparen, "por lo que se pode intuír". Pensa "que no han encontrado nuevas pruebas".

Julio Araújo presenciou este martes o rexistro realizado en horario de mañá e tarde na vivenda da súa familia en San Amaro sen dar ningunha mostra de nerviosismo. Este mércores repetiu estado á súa entrada e saída da Comisaría, a pesar do balbordo de medios que había ao seu ao redor. 

Respecto diso, o seu avogado asegurou que "siempre ha manifestado una tranquilidad y una serenidad absoluta porque no ha tenido intervención en estos hechos" e esta semana demostrouse. "Está tan preocupado como estaba antes respecto de su implicación", engadiu o seu letrado.  

En canto ao seu irmán David, que este martes pola tarde achegouse ata a vivenda familiar de San Amaro en apoio a Julio Araújo, non quixo falar coa prensa nin á entrada nin á saída nin tampouco o seu avogado. Tan só transcendeu que non quixo falar ante os investigadores, pero fontes consultadas indicaron que nin sequera chegaron a manifestarlle o delito polo que se lle citou na Comisaría. 

Julio estivo investigado por estes feitos durante tres anos, non así o seu irmán, a quen nunca se lle citou en calidade de investigado. Si se realizaron investigacións relaciones co seu teléfono móbil e interrogóuselle como testemuña. El, segundo se puido saber, na súa declaración diría que non tiña nada novo que achegar a maiores daquel interrogatorio de anos atrás como testemuña. 

O caso segue rodeado dun total segredo e fontes oficiais non deron ningunha información oficial en toda a semana nin sobre os rexistros nin sobre as investigacións.

Os rexistros autorizounos o xulgado e realizáronse este martes e tamén durante dúas horas e media na mañá deste mércores, neste caso, a cargo dun despregamento de medios máis reducido e centrándose en escavacións nunha zona de terreo situada entre a casa dos Araújo e a capela de San Amaro. Os axentes tamén entraron con lanternas no edificio relixioso. 

Arquivado en