Julio Araújo e o seu irmán, citados a declarar como investigados polo caso Sonia Iglesias

Pontevedra
21 de febreiro 2018
Actualizado: 17:39

Xiro á investigación do caso pola desaparición de Sonia Iglesias. Julio Araújo foi chamado a declarar en calidade de investigado. Non o fixo só. Tamén tivo que acudir á comisaría da Policía Nacional de Pontevedra o seu irmán, David Araújo. Ambos chegaron a pé minutos antes das cinco da tarde

Segunda xornada de rexistros na casa da familia Araújo en San Amaro Mónica Patxot

Xiro á investigación do caso pola desaparición de Sonia Iglesias. Julio Araújo foi chamado a declarar en calidade de investigado. Non o fixo só. Tamén tivo que acudir á comisaría da Policía Nacional de Pontevedra o seu irmán, David Araújo. Ambos chegaron a pé minutos antes das cinco da tarde.

Os dous irmáns acudiron a dependencias policiais acompañados dos seus respectivos avogados. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aclarou que están investigados policialmente. Por agora, non está prevista a súa comparecencia no xulgado.

O avogado de Julio Araújo, Jesús Santaló, explicou que estas dúas citacións "nos han sorprendido un pouco" e confirmou que o seu cliente está investigado "por el mismo delito por el que estuvo en su día", o de detención ilegal.

Tras asegurar que "no tenemos ninguna información" sobre as dilixencias que se están levado a cabo neste caso, o letrado non quixo confirmar se a ex parella de Sonia Iglesias acollerase ao seu dereito a non declarar. "Vamos a ver primero cómo se desenvuelve todo y luego tomaremos una decisión", dixo.

Estas dúas citacións prodúcense despois do rexistro realizado nas últimas horas na casa que a familia Araújo ten en San Amaro, nas inmediacións do cemiterio. Este rexistro, en todo caso, estivo autorizado polo xulgado.

Julio Araújo, ata agora, fora o único investigado -a figura legal que corresponde ao antigo imputado- por este caso. A súa imputación levantouse en 2015 por falta de probas.

Con respecto ao seu irmán David, segundo trasladan fontes consultadas por PontevedraViva, os investigadores xa analizaron no seu día as chamadas e as mensaxes enviadas a través de aplicacións de mensaxería móbil, pero non chegou a estar investigado oficialmente.

A Policía, mentres tanto, volveu a acordoar a casa rexistrada onte en San Amaro. Os axentes da Policía Científica ordenaron que se volva a cavar a leira, pero nun lugar diferente ao que se analizou nas últimas horas. Ademais, tamén se analizou o terreo próximo á capela de San Amaro, na que incluso varios axentes entraron con lanternas. Estes traballos desenvolvéronse por espazo de dúas horas e media.

Nas últimas horas, ademais, celebrouse unha reunión na que a Policía entregoulle á Fiscalía diverso material relacionado coa investigación.

"JULIO SABE MÁS DE LO QUE DICE"

Tras coñecer a comparecencia dos dous irmáns ante a Policía como investigados, Maricarmen Iglesias asegurou que "no me sorprende" porque a familia de Sonia "seguimos pensando que sabe más de lo que dice".

Ademais, a irmá de Sonia engadiu que confía en que esta actuación policial e os rexistros que se realizaron nas últimas horas estean motivados por unha pista "sólida" que axude a resolver o caso. Aínda que "lleguen un poco tarde" ante o "dolor" que atravesou a familia, "si da sus frutos al menos habrá valido la pena".

Arquivado en