Juan Picos seguirá como director en funcións na Escola de Enxeñería Forestal do campus

Pontevedra
21 de decembro 2023

Continúa o mandato iniciado en 2017 despois de que non se presentaran candidaturas ao proceso electoral aberto na escola. Durante a súa dirección o centro acadou a concesión definitiva do selo internacional EUR-ACE, que acredita o cumprimento dos estándares europeos nesta enxeñaría

Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra Escola de Enxeñería Forestal - UVigo

Juan Picos Martín continuará dirixindo a Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra despois de que non se presentaran candidaturas durante o proceso electoral aberto neste centro.

Está previsto que se convoquen novamente eleccións durante os próximos meses e, mentres tanto, o profesor do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente seguirá exercendo o cargo en funcións.

Juan Picos asume esta responsabilidade desde 2017. Exerceu previamente como secretario académico da escola e sucedeu a Enrique Valero na dirección á fronte dun equipo no que figuraban Ángeles Cancela como subdirectora e José Manuel Casas como secretario académico. 

En novembro de 2020 foi reelixido para un segundo mandato consecutivo, o máximo que permite a actual normativa, co apoio unánime dos 23 integrantes da Xunta da Escola.

Durante o seu mandato, o centro lograba a concesión definitiva do selo internacional EUR-ACE, un certificado que acredita o cumprimento dos estándares europeos neste ámbito da enxeñería e que a escola lograra de maneira provisional en 2019.

Picos destaca, en declaracións realizadas ao DUVI, o reforzo das relacións da escola cos centros de formación e investigación forestal de Pontevedra e a colaboración no desenvolvemento do campus pontevedrés ao longo dos últimos anos.