Juan Manuel Rey, investido alcalde de Caldas, chama ao consenso "entre todos" e a non xudicializar a política

Umia
04 de xullo 2015

Caldas de Reis investiu, por fin, o seu alcalde. Vinte días despois que o resto das corporacións de todo o país, debido á impugnación de dous votos nulos que finalmente lle deron ao PSdeG-PSOE a maioría absoluta, Juan Manuel Rey conseguiu onte á noite o bastón de mando

Pleno de investidura de Juan Manuel Rey como alcalde de Caldas PontevedraViva

Caldas de Reis investiu, por fin, o seu alcalde. Vinte días despois que o resto das corporacións de todo o país, debido á impugnación de dous votos nulos que finalmente lle deron ao PSdeG-PSOE a maioría absoluta, Juan Manuel Rey conseguiu onte á noite o bastón de mando. Foi nun concorrido pleno celebrado ás oito e media da tarde na casa consistorial do municipio.

Juan Manuel Rey repetirá catro anos máis como alcalde e farao despois de obter tan só o apoio dos seus seis concelleiros. Na votación, que se celebrou a man alzada, o resto de partidos votaron ao seu propio candidato. Os tres edís do PP votaron por Manuel Cortés, os dous de Independentes de Caldas fixeron o propio con Fernando Pérez e Iñaki Fernández, candidato do BNG votouse a si mesmo.

Trás ser investido como alcalde, Rey apelou no seu discurso á revolución dos caraveis e a súa icónica canción, Grandola Vila Morena, que nun dos seus versos di "o pobo é quen máis ordena". E no primeiro discurso deste novo mandato, dixo, "quero que este concepto quede claro". Esa foi, sinalou, unha das "grandes ensinanzas" das pasadas eleccións municipais porque "o pobo ordenou outro xeito de facer política e outro camiño para andar".

Juan Manuel Rey destacou que o feito de que todas as forzas políticas que se presentaban a estas eleccións lograsen representación é "enriquecedor" para o grupo de goberno e para o debate político no municipio. Todo iso espera que contribúa a que todos os partidos se comporten dunha forma "máis integradora" para que o futuro de Caldas de Reis "sexa mellor" neste mandato.

Neste sentido, afirmou que os socialistas están "orgullosos" do traballo realizado todo este ano, pero recoñeceu que "parte da historia aínda está por escribir" e pediu á oposición facelo "entre todos". Así, explicou que "non hai motivo" para que non se poida aprobar o novo PXOM, avanzar no carácter termal do municipio, defender "máis e mellor" o Camiño de Santiago ou promover o festival Cultura Quente.

"Consenso si e consenso sempre", reiterou no seu discurso, algo que debe ser "central" ao longo deste mandato. A pesar diso, tamén quixo sinalar un par de liñas vermellas. Entre elas, advertiu que "xamais" se debe permitir que se paralice ningún proxecto nin que se xudicialice a vida política municipal "nin directa nin indirectamente", en clara referencia á denuncia que levou á súa imputación por un presunto delito de malversación.

Por último, o alcalde agradeceu o apoio recibido por parte dos veciños de Caldas nestas dúas últimas eleccións, especialmente nas de 2011 nas que recordou que só sete municipios da provincia contaban con rexedores do PSdeG-PSOE. E agora, dixo, "resistimos", a pesar de que en moitas outras localidades caeron "auténticas vacas sagradas" do municipalismo galego. 

Arquivado en