Juan Manuel Rey consegue (outra vez) a maioría absoluta en Caldas tras a decisión do TSXG

Umia
23 de xuño 2015

Con esta decisión, que xa tan só se pode recorrer ante o Constitucional, os socialistas logran o seu sétimo concelleiro e poderán gobernar en solitario os próximos catro anos

Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas Mónica Patxot

A Xustiza volveu dar a maioría absoluta ao PSdeG-PSOE en Caldas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu por válidos dous votos que foron declarados nulos nunha das mesas do municipio o pasado 24 de maio. Con esta decisión, que xa tan só se pode recorrer ante o Constitucional, os socialistas logran o seu sétimo concelleiro e poderán gobernar en solitario os próximos catro anos.

Trátase dun paso máis, sen dúbida relevante, dunha pugna xudicial que se iniciou tras o escrutinio. O PSdeG-PSOE presentou un primeiro recurso ante a Xunta Electoral de zona, alegando que os dous votos debían ser válidos, a pesar de ser cortados na súa parte inferior, xusto por debaixo dos nomes da candidatura socialista. Aseguraban que pesar desa manipulación, eran totalmente lexibles e a vontade do elector quedaba clara.

O Partido Popular, que con esta decisión perdería un concelleiro e quedarían tan só con tres edís, recorreu á Xunta Electoral Central que lles deu a razón e deixou de novo os socialistas sen a súa maioría.

Pero agora, o TSXG sentencia que a devandita alteración das dúas papeletas é "intranscendente e nimia", porque entende que non introduce dúbida sobre a intención do elector de conferir o seu voto á formación recorrente -o PSdeG-PSOE-, xa que a parte cortada era o espazo en branco" e non afectaba, polo tanto, a ningún nome da lista que incorporaban.

En consecuencia, anula a resolución da Xunta Electoral e declara a validez destes dous votos, depositados na mesa de San Clemente, dando a maioría absoluta de novo a Juan Manuel Rey.

A corporación municipal de Caldas de Reis, que estará formada por sete edís do PSdeG-PSOE, tres do Partido Popular, dous concelleiros de Independentes de Caldas e un do BNG, constituirase o próximo 3 de xullo. Así será, a pesar de que o PP recorra ao Constitucional.

Arquivado en