Juan Carlos Quer asume a xestión en Change da petición para negar a derrogación da Prisión Permanente Revisable

Umia
19 de xaneiro 2018

Este movemento foi iniciado por Rocío Viéitez, a nai das dúas nenas asasinadas polo pai en Moraña, e agora está apoiada tamén polas familias de Marta del Castillo, MariLuz Cortés e Ruth e José Bretón

Campaña de petición da Prisión Permanente Revisable Change.org

A petición a través da plataforma Change iniciada por Rocío Viéitez, a nai das dúas nenas asasinadas polo seu pai David Oubel en Moraña foi asumida por Juan Carlos Quer, o pai de Diana Quer, recollendo o apoio tamén dos familiares de Marta do Castelo, de Mariluz Cortés e  Ruth e José Bretón. 

O pai de Diana Quer sinala que se trata de evitar que se derrogue a prisión permanente revisable, unha pena excepcional contemplada para casos de extrema gravidade, como é o caso do asasinato de menores. 

As cinco familias nesta petición desmárcanse de ideoloxías políticas e sinalan que se uniron para afrontar unha gran loita coa esperanza de evitar que se vulneren os dereitos máis elementais do ser humano e que outras familias "tengan que vivir nuestro calvario". 

Lembran que coa entrada en vigor da prisión permanente  revisable, a situación do preso pódese revisar a partir dos 25 anos do cumprimento da condena e  reinsertarse no caso de que cumpra con todo o procedemento para rehabilitarse. Na petición aclaran que con esta pena non se renuncia á reinserción do condenado. 

Os familiares destas vítimas piden que se asine esta petición para trasladar todos os apoios ao Congreso dos Deputados e evitar que os representantes políticos derroguen a Prisión Permanente  Revisable. 

Polo momento levan máis de 431.400 sinaturas e o obxectivo é obter 500.000 apoios.