Juan Carlos I prepara o regreso a Sanxenxo para a vindeira semana

Sanxenxo
10 de abril 2023

Non existe confirmación oficial da viaxe, pero a súa contorna máis próxima si asegura que o monarca está a preparar a súa viaxe e chegará ás Rías Baixas o mércores 19 ou o xoves 20 de abril. Chegaría procedente de Londres coincidindo coas xornadas de regatas da Copa de España da clase 6M

Reaparición do rei emérito, Juan Carlos I, no Náutico de Sanxenxo Mónica Patxot

O rei emérito, Juan Carlos I, podería regresar a Sanxenxo a próxima semana. De momento, non existe confirmación oficial da viaxe, pero a súa contorna máis próxima si asegura que o monarca está a preparar a súa viaxe e chegará ás Rías Baixas o mércores 19 ou o xoves 20 de abril. 

A viaxe está previsto para varios días, de tal forma que chegaría a Sanxenxo o mércores ou o xoves e regresaría a Abu Dabi, onde ten agora fixada a súa residencia, o domingo 23 de abril. 

O emérito chegaría a Sanxenxo procedente de Londres, onde ten prevista unha breve visita para un xantar privado co novo rei británico, Carlos III, previo á súa coroación en maio.

Este regreso coincide cunha nova xornada de regatas da clase 6M, igual que xa sucedeu hai once meses, cando regresou a Sanxenxo por primeira vez tras fixar a súa residencia en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos) en agosto de 2020. Desde entón, e tras un breve encontro co seu fillo, o rei Felipe VI, en Madrid, non regresou a España. 

Nesta ocasión, está previsto que asista ás regatas da Copa de España da clase 6M que organiza o Club Náutico de Sanxenxo, na que está prevista a participación do Bribón, embarcación na que adoita navegar. 

A viaxe de hai once meses, en maio de 2022, estivo marcada por un gran interese mediático e polémica social e política.Tras o encontro co seu fillo, no que supostamente lle chamou a atención por esta exposición, non regresou. 

Naquela ocasión, aloxouse en casa do seu amigo Pedro Campos, presidente do Náutico de Sanxenxo e patrón do Bribón. Está previsto que nesta ocasión repita aloxamento. 

O seu regreso, adiantado polo xornal EL MUNDO, non ten confirmación oficial da Casa Real.