Juan Carlos I, expulsado do rueiro de Pontevedra: "É un acto de xustiza, decencia e hixiene democrática"

Pontevedra
15 de febreiro 2021

Pontevedra converteuse na primeira cidade galega -e unha das primeiras do Estado español- en retirarlle todas as honras ao rei emérito. Juan Carlos I queda sen a súa rúa na cidade que, a partir de agora, será coñecida como a Avenida Virxinia Pereira Renda

BNG e PSOE votan a favor do cambio de nome da Avenida Juan Carlos I Mónica Patxot

Pontevedra converteuse na primeira cidade galega -e unha das primeiras do Estado español- en retirarlle todas as honras ao rei emérito. Juan Carlos I queda sen a súa rúa na cidade que, a partir de agora, será coñecida como a Avenida Virxinia Pereira Renda.

"Hoxe é un día histórico que quedará gravado no relato da cidade", sinalou a edil de Cultura, Carmen Fouces, que defendeu que esta decisión, que foi apoiada unicamente polo goberno municipal BNG-PSOE, "é un acto de xustiza, decencia e hixiene democrática".

A partir de agora, sinalou Fouces, Pontevedra no canto dunha rúa dedicada a un "corrupto" que cobraba comisións de "dubidosa procedencia" e que "ocultaba" en contas en Suíza "para eludir o fisco", terá un lugar "que falará de dignidade, entrega, servizo público e decencia".

Ese é "legado" de Virxinia Pereira, segundo a edil nacionalista, unha muller "que sacrificou a súa vida cómoda por loitar por unha Galicia libre, próspera e sen rei" e que grazas ao seu "tesón inquebrantable" a obra de Castelao está depositada no Museo de Pontevedra.

Na súa intervención, a responsable municipal de Cultura sinalou que o comportamento do monarca "avergonza" ata aos "monárquicos decentes", debido ás súas "andanzas campechanas", os seus "líos de saias" e as súas "miserias" que lle converten en "fiel herdeiro" dos costumes dos seus antepasados, "cheos de amantes, corruptelas e dobre moral".

A concelleira do BNG lamentou que o rei emérito puxera " pés en polvorosa" e desaparecese da "escena do crime" tras coñecerse unha biografía "prolífica en asuntos bastante feos" e que se refuxiara nun réxime "absolutista" no que "parece estar moi cómodo".

Virxinia Pereira, lembrou, "tamén marchou do país". Pero no seu caso por ser "perseguida" polas súas ideas políticas e morreu no exilio "tras toda unha vida de entrega aos ideais de xustiza e liberdade", polo que merece segundo Fouces un lugar "prominente" na cidade.

"O emérito non merece unha rúa en Pontevedra e é de xustiza retirarlla. E que mellor para hixienizala que Virxinia ocupe o lugar que deixa", subliñou Fouces, que celebrou que a memoria histórica e o feminismo "conquiste un espazo máis da cidade por dereito e por xustiza".

A edil do BNG concluíu cunha pregunta aos populares: "Do lado de quen están vostedes? Do lado dun rei indigno e corrupto repudiado polo seu propio herdeiro e refuxiado nun país antidemocrático, que tamén é corrupto? Ou están na homenaxe a unha muller rexia, valente e que nos fai sentir orgullosos aos galegos e ás galegas polo amor que lle tivo a esta cidade?".

O portavoz socialista, Tino Fernández, sinalou que os principios e valores do rei emérito están "cuestionados" e non por unha "ocorrencia" do goberno municipal pontevedrés senón pola propia Casa Real e o seu herdeiro, Felipe VI, que renunciou á herdanza do seu pai "para preservar a exemplaridade da Coroa", como recoñecía hai un ano nun comunicado.

O cambio de nome, engadiu Fernández, está "plenamente xustificado", que recomendou aos "monárquicos convencidos" que o mellor é que "pasen de puntillas" por este asunto e "non remexan moito" xa que será "peor" para o que defenden.

REXEITAMENTO DA OPOSICIÓN

A retirada do rei emérito do rueiro de Pontevedra non obtivo, como era de esperar, a unanimidade da corporación municipal. Os nove edís do Partido Popular e o concelleiro non adscrito, Goyo Revenga, votaron en contra. Só os populares interviñeron no debate.

O seu portavoz, Rafa Domínguez, lamentou que BNG e PSOE dediquen o seu tempo para "faltar al respeto" ao monarca e asegurou que o insulto "es lo que mejor se le da", tras lembrar que nomearon a Mariano Rajoy 'persoa non grata', o que foi o "caldo de cultivo" para a súa agresión.

Tras denunciar que con esta medida tratan de "desviar a atención" pola súa "absoluta falta de liderado e sensibilidade" durante a pandemia, Domínguez censurou que non haxa "otras prioridades" cando numerosos pontevedreses están "arruinados".

O líder popular reiterou que "no existe ningún reproche legal, juicio ni imputación" contra Juan Carlos I que "nos obligue" a retirarlle as honras en Pontevedra, unha decisión que segundo subliñou adóptase tan só "en base a informaciones periodísticas".

"No estamos orgullosos de que en el pleno de Pontevedra se vuelva a insultar a alguien", engadiu Rafa Domínguez, que considera que é "adecuado" darlle o nome de Virxinia Pereira a unha rúa pero entende que "ligarlo al desprecio a alguien no es de justicia".