Juan Carlos I está "muy animado" e cunha "ilusión enorme" por volver a España

Sanxenxo
19 de maio 2022

Esta visita que se estenderá ata o luns, na que lle acompañará ademais a Infanta Elena, non será a única que faga a Sanxenxo. Regresará a mediados de xuño, para o mundial da clase 6 mR de vela na que o Bribón defende o título conseguido en 2019. Será, recoñece Pedro Campos, unha visita "distinta" porque o monarca quedará unhas dúas semanas

Pedro Campos, no Real Club Náutico de Sanxenxo EFE / Lavandeira Jr.

A expectación en Sanxenxo ante o regreso a España do rei emérito, tras dous anos de exilio en Abu Dabi, é extraordinaria. Máis dun centenar de medios de comunicación tomaron o municipio para obter a primeira imaxe de Juan Carlos I no noso país.

O monarca, segundo explicou o seu gran amigo Pedro Campos, está "muy animado" e cunha "ilusión enorme" por volver a España e reencontrarse coa tripulación do barco que capitanea, o Bribón, e con dous das súas grandes paixóns, o mar e a vela.

Campos, que falou onte á noite con el por última vez, revelou ademais que o rei emérito é "consciente" de que o seu regreso xerou moitísimo balbordo.

"Lo sabe perfectamente aunque ya le daremos datos más concretos esta noche para que sepa que mañana se va a encontrar con mucha gente", sinalou o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, entidade que está "desbordada" ante tanta expectación.

A preguntas dos xornalistas, Pedro Campos detallou que a chegada do voo que traerá a Vigo ao rei emérito está prevista sobre as sete da tarde. Alí recolleralle el mesmo e levarao á súa casa, onde hoxe ten previsto descansar tras a viaxe.

"Mañana bajaremos a la regata y es probable que acuda a la reunión de patrones porque muchos lo quieren ver", manifestou Campos, que engadiu que Juan Carlos I "es una persona muy importante en esta clase a nivel internacional".

Por agora, o presidente do Náutico de Sanxenxo afirma descoñecer se o rei emérito subirá ao Bribón para participar na regata porque "lleva tres años sin navegar y aunque dice que está en muy buena forma física, va a depender un poco del día que haga mañana".

Ante as condicións actuais do tempo, o amigo íntimo do monarca augura que, de facelo, sería máis factible que puidese ser na xornada do sábado. Iso si, "él tendrá la última palabra", segundo recoñecen desde a súa tripulación.

Juan Carlos I si participará en todo caso na recepción oficial que se lle brindará mañá venres, na que segundo Pedro Campos, "será como otras veces sólo que con mucha más gente" e un dispositivo preparado para poder tomar imaxes da súa chegada.

Máis aló dos compromisos deportivos coa regata, o rei emérito non ten previsto ningún tipo de saída social, pero segundo Campos "él tiene mucha energía e igual le apetece", chanceando que se atenderán as súas peticións porque "donde hay patrón no manda marinero".

Esta visita que se estenderá ata o luns, na que lle acompañará ademais a Infanta Elena, non será a única que faga a Sanxenxo. Regresará a mediados de xuño, para o mundial da clase 6 mR de vela na que o Bribón defende o título conseguido en 2019.

"Apostaría cualquier cosa a que sí vendrá porque es la gran regata y él es actual campeón del mundo de esta clase", subliñou o seu amigo, que matizou que sería unha visita "distinta" porque o monarca quedará unhas dúas semanas.