Josefina Arruti xa ten máis ca unha rúa: un panel dá a coñecer o seu papel fronte á represión franquista

Pontevedra
27 de novembro 2020

O Concello descobre un panel no entronque entre a avenida Josefina Arruti e a avenida da Estación con fotografías familiares e textos cos principais fitos da súa vida. Destaca a historia dunha muller que foi referencia de resistencia e fortaleza ante a represión franquista 

Descobren o panel sobre a vista e historia de Josefina Arruti Mónica Patxot

Pontevedra segue saldando débedas coa memoria histórica e coas mulleres esquecidas durante séculos. É a través da figura de Josefina Arruti, que xa non só dá nome a unha das avenidas de entrada a cidade, senón que agora ve recoñecidos nun panel o seus 97 anos de vida e o papel que desempeñou fronte á represión franquista.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio e Memoria Histórica, Xaquín Moreda, descubriron este venres o panel, instalado no entronque entre a avenida Josefina Arruti e a avenida da Estación. Para tan importante fito, contaron coa presenza de dous dos seus fillos, María del Carmen e José Ángel Fernández Arruti; unha neta e o seu home: e un bisneto.

O bisneto, Alberto Arruti, foi o encargado de intervir no nome da familia agradecendo que a cidade de Pontevedra lle dedique este espazo á súa bisavoa, que foi "un gran exemplo de fortaleza e de capacidade para sobrepoñerse ás adversidades". Tamén agradeceu á filla e fillo de Josefina presentes no acto que "nos transmitiran a toda a familia a personalidade de súa nai".

O panel inclúe fotografías familiares e textos cos principais fitos da súa vida desde o seu nacemento, o 28 de abril de 1906, ata a súa morte o 24 de outubro de 2003. Destaca a historia dunha muller que foi referencia de resistencia e fortaleza ante a represión franquista. Esposa do alcalde republicano Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Josefina Arruti padeceu o encarceramento e a represión franquistas en Pontevedra, quedando separada para sempre do seu home, exiliado en México, e sacando adiante tres fillos de curta idade. 

Despois de descubrir o panel, o alcalde asegurou que esta iniciativa, que forma parte do programa A memoria das mulleres, busca facer visible a presenza e a importancia que as mulleres tiveron na historia de Pontevedra, e que son exemplos que "debemos coñecer". Desta maneira, a xente que pasee pola avenida Josefina Arruti poderá coñecela un pouco máis en profundidade.

Lores aproveitou para lembrar que o Concello leva traballando 20 anos na recuperación e visibilización de figuras fundamentais na historia de Pontevedra en relación á represión franquista e que, máis recentemente, se incorporou a visión de xénero a través de A memoria das mulleres. Este mesmo ano tamén se realizou o mural da señora Lola en Pasarón e se editou a biografía de Virxinia Pereiro escrita por Montse Fajardo