José Luis Gómez Fontenla, garda civil de profesión, será o candidato do PP a manter a alcaldía de Moraña

Umia
14 de marzo 2023

Gómez Fontenla, de 38 anos, resultou elixido por toda a xunta local do partido. Luis López, presidente provincial do PP, está convencido de que o novo candidato revalidará o resultado obtido en 2019 cando o PP acadou a maioría absoluta con Luisa Piñeiro como cabeza de lista. En 2020 a alcaldesa renunciaba ao cargo, que era ocupado por José Cela. 

Luis López con representantes do Partido Popular de Moraña Partido Popular

José Luis Gómez Fontenla convértese no novo candidato do Partido Popular co obxectivo posto en revalidar a alcaldía de Moraña para esta formación na próxima cita coas urnas o 28 de maio.

A xunta local do PP elixiu a Gómez Fontenla como candidato de consenso e, na noite deste luns, notificáballo a Luís López, presidente provincial. López mostraba a súa confianza en que o candidato revalide nas eleccións o "magnífico resultado" que lograron nos comicios de 2019, cando Luisa Piñeiro encabezaba a lista e lograba maioría absoluta. A alcaldesa renunciaba en 2020 para que o cargo pasara a mans de José Cela durante o resto do mandato.

López reivindicou o traballo realizado por Piñeiro e Cela durante os últimos doce anos e recoñeceu que José Cela asumiu con compromiso e responsabilidade a alcaldía, e realizou un traballo "moi importante nun momento especialmente complicado, coa pandemia sanitaria e a crise económica". Agradeceulle que continúe traballando polo seu concello e polo partido con complicidade e implicación.

O candidato á alcaldía ten 38 anos, estudou dereito e é garda civil de profesión. Defínese como unha persoa inquieta e dinámica, con vocación de atender aos demais. Mantén actividade con asociacións e entidades locais co obxectivo de fomentar a vida cultural, social e deportiva do municipio, presidindo cinco colectivos e tamén o Moraña Club de Fútbol.

A súa aposta céntrase en "seguir potenciando os servizos no rural, ampliando o chan industrial para seguir creando emprego, aumentando as atencións e servizos para os nosos maiores, mellorando as instalacións deportivas", entre outros aspectos que prometeu promover se alcanza a alcaldía.