O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, anunciou que este verán "imos dispoñer dos reforzos naqueles puntos nos que existe maior concentración de visitantes, como pode ser Sanxenxo".
Nega deste xeito as denuncias formuladas pola Plataforma pola Sanidade Pública, que sostiña o contrario ao que engadía a "falta de ambulancias que atrasan máis dunha hora a asistencia de enfermos urxentes" en localidades como Cerdedo-Cotobade e aos "atrasos de días na realización de analíticas por falta de persoal de enfermería" no centro de saúde de Baltar, en Portonovo.
"Sabemos que hai poboacións que se multiplican ata por seis e aquí imos facer ese esforzo de contratación, ese esforzo de reforzo, de maneira que imos abrir dúas consultas de desprazados que tamén reforzarán o punto de atención continuada", anunciou Flores
O xerente da área Sanitaria tamén comprometeu que "está garantida a presenza de médico, enfermeiro e persoal de servizos xerais en todos eles durante os meses de verán. Imos confiar en que a día de hoxe temos cuberta practicamente a totalidade dos centros da área sanitaria, sobre todo naqueles nos que hai máis incidencia de poboación para os desprazamentos relacionados coas vacacións".
INCREMENTO DE CAMAS
Flores tamén sinalou que o incremento de camas será do 20% e que no caso da UCI practicamente duplicará o seu número de camas o que difire do denunciado pola plataforma que se referiu ao "incremento ridículo de camas (10 por cento máis) ou quirófanos (só un máis) na ampliación do Hospital Montecelo para favorecer a concertación con centros privados, mentres se planifica unha macrocafetería para o negocio privado".