Jorge Cubela pasa con nota o exame da fusión de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
26 de maio 2019

As urnas déronlle unha vitoria esmagadora con 9 dos 13 concelleiros en disputa, de forma que o concello máis novo de España seguirá cun alcalde do PP. A principal novidade chega á corporación da man do BNG, que non tiña representación e entra con Ernesto Filgueira. O PSOE logra tres edís

Resultados das municipais en Cerdedo-Cotobade ao 100% escrutado David Lópèz

Jorge Cubela, actual presidente da xunta xestora de Cerdedo-Cotobade e candidato do PP á Alcaldía, aprobou con nota o exame das primeiras eleccións municipais tras a fusión de ambos os  concellos que impulsaron entre el e o anterior alcalde de Cerdedo, José Balseiros. 

As urnas déronlle unha vitoria esmagadora con 9 dos 13 concelleiros en disputa, de forma que Cerdedo-Cotobade, o concello máis novo de España, seguirá cun alcalde do PP que xa tiña cada un dos dous municipios previos. 

Estas eleccións municipais estaban enfocadas como un exame do resultado da fusión executada en 2016 e de se a cidadanía de ambos os  concellos apoiaban a xestión dos seus anteriores alcaldes. A pesar das fortes críticas ao proceso de fusión do BNG e, sobre todo do PSOE, os votos apoian a Cubela.

A principal novidade chega á corporación da man do BNG, que non tiña representación en ningún dos dous concellos de partida. Ernesto Filgueira, coñecido pola súa faceta de comerciante e polo asociacionismo tanto en Pontevedra como Cerdedo-Cotobade, logrou un concelleiro. 

Os outros tres concelleiros en liza lévaoos o PSOE, cunha candidatura liderada por Lina Garrido, anterior aspirante socialista en Cotobade e durante os tres últimos anos líder da oposición. 

Na xunta xestora que gobernou Cerdedo-Cotobade desde a fusión había 20 concelleiros, dos que 14 eran do PP e 6 do PSOE, como resultado da suma dos edís dos municipios previos. O resultado da fusión deixou a corporación con tan só 13 actas.  

Arquivado en