Jorge Cubela xa é de novo alcalde de Cerdedo-Cotobade. Este sábado alzou o bastón de mando por cuarta vez nunha sesión de investidura na que veciños e simpatizantes dos distintos partidos encheron o salón de plenos.
A ampla maioría lograda polo PP nas eleccións municipais do 28 de maio garantiulle a Cubela poder ser elixido alcalde só cos votos do seu partido, de maneira que a sesión non tivo sorpresas.
A sesión non era nada novo para Cubela, que é alcalde con maioría absoluta desde 2011, pero a experiencia non lle restou emoción ao acto.
Unha vez rematado, a través das súas redes sociais quixo darlle "mil grazas" a todos os compañeiros de partido, aos membros da Corporación, á sùa familia e, sobre todo, "a todos e cada un dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade".
O líder do PP sinalou que foi, para el, un día "moi especial" por recibir por cuarta vez a confianza maioritaria dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade para seguir sendo o seu alcalde.
É este un encargo que o enche de "orgullo", pero, segundo as súas propias palabras, "sobre todo de compromiso, responsabilidade e unha enorme ilusión".
Na nova Corporación, o PP ten dez concelleiros, o PSOE suma dous e o BNG ten un representante.