Jorge Cubela, portavoz do grupo provincial do Partido Popular, cuestiona a "aparente" nova preocupación da presidenta da Deputación, Carmela Silva, en relación co futuro do persoal de Ence e das empresas auxiliares da fábrica de Lourizán.
Segundo o representante popular, Silva leva meses "escondida e en silencio, rexeitando calquera reunión para escoitar aos traballadores, pechando as portas da Deputación de Pontevedra, e aparece cando xa comezan a esgotarse as solucións", indica Cubela.
Desde as filas populares acusan á máxima representante da provincia de "falta de empatía e inacción" ao entender que non se molestou en escoitar as reivindicacións dos traballadores e lembra que a presidenta antepuxo a visita a unhas obras en Vigo a presidir o pleno provincial no que se debatía o futuro da fábrica de Lourizán, a través dunha moción do PP.
Reclaman que esixa ao Goberno de Pedro Sánches solucións urxentes para a situación provocada sobre o futuro da factoría na ría pontevedresa. Jorge Cubela afirma que levou a cabo unha "estratexia premeditada e irresponsable, que quería deixar caer Ence e aos seus traballadores". O portavoz popular denuncia a "incomprensible decisión do Goberno Central de achandarse na defensa da prórroga que o Estado concedeu en 2016 e que garantía ata 2073 o futuro do proxecto na provincia", unha prórroga que foi anulada pola sentenza da Audiencia Nacional e que agora será recorrida pola empresa pasteira #ante o Tribunal Supremo.