Jesús Martínez Benz, autor do "Sistema de Apoio á Xestión Forestal no Ámbito Local: SAXMEL" converteuse no gañador do I Premio Cámara de Comercio ao Proxecto Innovador Forestal, un galardón dotado con 5.000 euros que se entregou esta tarde na sede pontevedresa de Afundación. Este emprendedor de Porto do Son, poderá acceder tamén a un espazo coworking en Porto do Molle (Nigrán) e ao financiamento de XesGalicia.
O xurado, ademais, outorgou un accésit premiado con 2.000 euros ao proxecto "Aplicación de UAV Cartográfico no Ámbito Rural e Forestal", presentado por Marta Fernández Álvarez e Juan Barreiro Lages.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López, presidiu este acto acompañado polo presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, José García Costas, e o director territorial de Ence en Pontevedra, Antonio Casal Lago.
Francisco Conde destacou que na industria forestal hai lugar para a innovación, unha ferramenta que ofrece alternativas ao sector para darlle novos usos á madeira e abrirse a novos mercados.
O conselleiro sinalou que a industria forestal galega exportou nos primeiros nove meses do ano mais que en todo 2016, converténdoa na segunda comunidade máis exportadora.
O xurado desta primeira edición, integrado por membros da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, a Xunta de Galicia, Escola de Enxeñería Forestal, a Escola de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán e o Clúster da Madeira de Galicia, reuniuse o pasado 13 de novembro para analizar as características de cada un dos proxectos presentados, puntuando a innovación/orixinalidade, a viabilidade técnica e económica, a súa achega social, económica e ambiental e finalmente o seu alcance global.
MESA FORESTAL
A iniciativa deste premio partiu da actividade que desenvolve a Mesa Forestal creada no principio do ano pola Cámara de Comercio baixo o impulso do vicepresidente primeiro, Eduardo Barros, e da que tamén forman parte representantes da Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Axencia Galega dá Industria Forestal, o Consorcio da Zona Franca de Vigo ENCE, a Escola de Enxeñería Forestal, a Escola de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, o Clúster da Madeira de Galicia e a Asociación Sectorial Forestal Galega.
Unha decena de proxectos optaron a esta primeira convocatoria que foi posible grazas ao apoio do Plan Social de ENCE.