Javier Romero: "O do narcosubmarino foi unha viaxe suicida. Acabou sendo unha cuestión de supervivencia"

Pontevedra
01 de febreiro 2022

Vintesete días dunha travesía "infame". Foi o tempo que durou a "viaxe suicida" que emprendeu un ex boxeador galego, acompañado de dous ecuatorianos, a bordo dun narcosubmarino que acabou afundido fronte as costas galegas. O xornalista Javier Romero relata esta peculiar singladura no libro Operación Marea Negra

Javier Romero, autor de "Operación Marea Negra" Mónica Patxot

Vintesete días dunha travesía "infame". Foi o tempo que durou a "viaxe suicida" que emprendeu un ex boxeador galego, acompañado de dous ecuatorianos, a bordo dun narcosubmarino que acabou afundido fronte as costas galegas.

O xornalista Javier Romero relata esta peculiar singladura no libro Operación Marea Negra (Ediciones B), a crónica de como a primeira embarcación destas características detectada en Europa pasou de protagonizar unha operación de narcotráfico a converterse nuna "cuestión de supervivencia".

En que momento fuches consciente de que esta historia, que ti xa estabas a cubrir para o xornal, tiña os ingredientes óptimos para un libro?

Desde que me dei conta que isto era algo inédito. Non só para Galicia ou para España. Non ocorrera nunca a nivel europeo. É o alixo máis singular da historia do narcotráfico en toda Europa. Pero sobre todo cando, en pleno proceso de buscar información, descubro o pasado boxeador de Agustín. Ou o feito de que quen acabaron implicados eran os seus amigos.

E a propia historia desta peculiar singradura, imaxínome.

Efectivamente. Saber o que pasou dentro ese narcosubmarino durante os 27 días de pasaron desde que saíron do Amazonas, nunhas condicións infames e loitando contra os temporais. Ou como foi a súa chegada a Galicia, xa perseguidos polas autoridades. Era unha historia apaixonante que me apetecía contar. E, sobre todo, ver se era capaz de facelo.

Citabas a Agustín. Quizá o seu perfil é outro dos elementos que sorprende de todo o que pasou. Un mozo aparentemente normal que viu envolvido en algo que se lle foi das mans.

O que descubrín, tras falar con toda a súa contorna en Vigo, é que non era o típico tipo que vén dunha familia desestructurada ou dun ambiente marxinal que lle levase á delincuencia xuvenil. Non tiña antecedentes e todo o seu ambiente era completamente normal. Fora campión de boxeo e deixouno todo de súpeto. Aos 22 ou 23 anos.

No libro narras como se deseñou toda esta operación. Nela, reflexionas, todo o que podía saír mal, saíu mal. Por que?

Saíu mal ou mesmo peor do que ninguén esperaba. Todo se torceu case desde o principio, pero se me preguntas pola chegada a Europa, o desembarco da droga tiña que facerse a 269 millas de Lisboa. Ían encargarse profesionais. Unha organización galega, de feito. Debían recoller a mercadoría e aos tripulantes e afundir o narcosubmarino.

Pero non foi así. Que ocorreu nese momento?

Tiñan dúas planadoras preparadas pero una delas tivo un fallo no motor. Houbo que esperar e o mal tempo complicouno todo. Eran os días dunha borrasca que se chamou Cecilia e case morren esmagados ou tronzados por un gran buque. Foi a pericia de Agustín a que lles permitiu saír airosos. Foi por uns segundos.

E esa situación, polo que teño entendido, fíxolles pedir axuda. Ese foi o seu erro, non?

Activaron o teléfono satelital e, niso, os ingleses son moi bos. Captaron o sinal e pescudaron que había unha embarcación con 3.000 quilos de cocaína e avisaron a Portugal. Ao verse descubertos, como o piloto é galego, os responsables da operación dinlles que tiren cara a Galicia. Van sen rede e tíranse ao baleiro.

En Galicia parece que non lles foi moito mellor...

A historia foi que lles dixeron ide tirando que nós xa buscamos quen salga a por a droga. Tocaron a catro organizacións das Rías Baixas. Ninguén aceptou a pesar de que se fixeron suculentas ofertas para tentarlles. Iso foi raro. Todo apunta a que alguén filtrou que iso estaba viciado e ninguén quixo arriscarse. Había demasiado risco.

As autoridades sabían o que debían buscar?

Os portugueses buscaban un veleiro, un pesqueiro ou un buque. Foi a xente do ECO a que se decatou que era un narcosubmarino"

Esa é outra. Cando se emitiu a alerta, avisábase que viña unha embarcación. Os portugueses buscaban un veleiro, un pesqueiro ou un buque. Saían sobre as posicións que lles daban e non atopaban nada. Era unha frustración. Foi a xente do ECO a que se decatou que era un narcosubmarino e o seguinte foi fiar que viña para Galicia e esperalos alí.

E ao ver que ningunha organización quería asistilos, que pasou?

Pedíronlles o máis difícil aínda. Tirar cara á Costa da Morte e en plena borrasca. Alí íalles a saír ao encontro un pesqueiro que viña do Cantábrico. Pero a Garda Civil sóuboo e acurralounos cunha patrulleira e un helicóptero. O pesqueiro, que viña oculto detrás dun busque máis grande, deu a volta e deixounos vendidos.

Aí pídenlles que suban máis para tentalo máis arriba, pero por primeira vez dilles que non. Xa non eran física nin mentalmente capaces. A partir de aí xa non foi unha cuestión de narcotráfico. Era unha cuestión de supervivencia. Estaban a loitar por seguir vivos.

E foi entón cando decidiron ir ata Aldán?

Agustín era unha zona que coñecía ben porque adoitaba veranear alí. Ese sempre foi o seu plan B. Desde o de Portugal. Os donos da droga permitíronllo. Foi cando tirou dos seus amigos en Mallorca e en Lleida. Polo que puidese pasar. Eles fixérono por amizade con el.

E por diñeiro, non?

Iso evidencia as mensaxes de WhatsApp, si. Que houbo diñeiro polo medio. As mensaxes incrimínanos a todos. Son un libro aberto e permitiron fiar todo o operativo marítimo.

E como chega Agustín a verse envolvido en todo isto?

A el ofrécenllo. Xa traballaba para unha organización con fortes vínculos con Colombia. Pero non se puido chegar a eles. Chegou por descarte. Desde que llo ofreceron tivo cinco ou seis días para chegar á desembocadura do Amazonas. Todo encaixa. Os billetes de avión, os permisos de entrada. Todo. El ata ese momento non figurara en ningún lado.

Cando dis que foi por descarte, el non era a primeira opción?

Non o era, non. Ía ir outro mozo galego. Do Salnés. Chegou a entrar en Brasil e estivo no estaleiro militarizado. Non foi ata alí sen pechar as condicións económicas. Botouse atrás porque o que viu non lle gustou. Era alguén con poder suficiente para tomar esa decisión, porque Agustín non poderia tomar se o quixese. 

O que non lle gustou, entendo polo teu relato, foron as condicións da viaxe...

"A viaxe foi algpo indigno. Pensa en tres tíos corpulentos nun espazo de apenas un par de metros cadrados durante tres semanas"

É que era algo indigno. Pensa en tres tíos corpulentos nun espazo de apenas un par de metros cadrados durante tres semanas. O primeiros oito días foi unha travesía apracible. Saían a cuberta a estirar as pernas e asearse. Pero a partir de aí, os temporais complicárono todo. Iso, e as continuas avarías. E o fedor que había dentro. Da gasolina, da cocaína... Tiñan que facer mesmo as súas necesidades nunha bolsa.

Como definirías esta singradura polo Atlántico?

Foi unha viaxe suicida, unha xincana infernal. Non entendo que che leva a facer iso por diñeiro. Os ecuatorianos que ían con Agustín, por uns 55.000 dólares cada un. Xogáronse a vida por ese diñeiro. Un chegou a dicir que estaba cansado de vivir. Pero aínda así. Foi unha tolemia.

Esta historia inspirou ademais unha serie na que colaboraches con asesor.

É un proxecto da produtora galega Ficción Producciones para Amazon. Chamáronme polas informacións do xornal. Os guionistas necesitaban resolver certas cuestións. Cando nos reunimos expliqueilles que tiña o libro xa case escrito. Aí xurdiu todo. Propuxéronme un documental no que se reconstrúe a historia. Todo se emitirá a partir de febreiro.