Esta vez non houbo empate, aínda que o sucedido hai dous meses motivou unha maior participación electoral co resultado da vitoria clara da candidatura de Jaime Olmedo, que desta maneira renova a súa presidencia á fronte da histórica entidade pontevedresa por un novo período de catro anos, impoñéndose á candidatura encabezada por Alejandro Regueiro.
Se o 28 de setembro foran 919 os socios con dereito a voto que exerceron a súa opción, nesta ocasión a cifra incrementouse ata os 1.164, despois dunha segunda e moito máis intensa campaña electoral que concluíu cunha nova longa e animada xornada de votación realizada ao longo deste venres.
Unha vez pechadas as votacións, ás 20:00 horas, procedeuse a realizar o escrutinio da única mesa disposta nesta ocasión no salón nobre, arroxando un resultado de 627 votos a favor de Olmedo, 527 votos que optaban por Regueiro, con 5 votos en branco e 5 nulos.
A pesar de que ningún conseguía despegarse con claridade no escrutinio, as noticias que se ían filtrando aos numerosos socios que esperaban o resultado do reconto noutras salas e na cafetería da entidade, apuntaron pronto a un resultado favorable a Olmedo, como logo confirmouse, coa consecuente alegría duns e a decepción doutros.
A continuación, ás 22:30 horas, celebrouse unha Xunta Xeral de socios na que se procedeu á proclamación da candidatura gañadora de Jaime Olmedo para seguir rexendo os destinos do Liceo Casino nos próximos catro anos.