Jacobo Moreira critica a "cerrazón" de Carmela Silva co Pazo de Lourizán

Pontevedra
22 de outubro 2016

O portavoz municipal do Partido Popular acusa ademais á presidenta provincial de "actitude ditatorial" ao pretender "excluír a Ence da reunión para falar sobre o investimento de 5 millóns de euros que a empresa quere realizar no Pazo"

Comparecencia de Jacobo Moreira e María José Rodríguez Teso Mónica Patxot

O portavoz municipal do Partido Popular en Pontevedra, Jacobo Moreira, acusou este sábado a través dun comunicado á presidenta provincial, Carmela Silva, de manter unha "actitude ditatorial" ao pretender "excluír a Ence da reunión para falar sobre o investimento de 5 millóns de euros que a empresa quere realizar no Pazo de Lourizán".

"Estamos aquí para escoitar a todos, máxima cando a proposta é beneficiosa para toda a cidade", sinalou Moreira en relación á proposta lanzada pola Xunta e recollida pola pasteira de rehabilitar o Pazo e crear alí un centro de I+D forestal.

Para Carmela Silva, segundo sinañou recentemente, a presenza da empresa no encontro institucional "non ten sentido" porque "non teñen nada que ver" co Pazo de Lourizán, cuxa titularidade é da Deputación e que está cedido á Xunta de Galicia.

Esta postura é a que levou a Jacobo Moreira a sinalar que "Carmela Silva debería deixar a un lado o seu interese partidista e valorar a oportunidade que se lle está brindando a todos os pontevedreses. Coa súa cerrazón demostra que os veciños de Pontevedra e de Lourizán non lle importan", indicou.