O candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes presentou este sábado algunhas das principais propostas do seu programa electoral en materia de cultura.
A implantación dun Bono Cultural para os colectivos con menor poder adquisitivo, o deseño dun Plan Cultural Estratéxico, a potenciación do uso da Praza de Touros para actividades culturais, a dotación dunha nova Biblioteca Pública do Estado ou Mediateca e a creación dunha Fábrica ou Contedor Cultural que funcione como espazo polivalente, cun pequeno auditorio, unha caixa de teatro desmontable, unha sala de ensaio para corais ou grupos teatrais e oficinas de empresas culturais, foron algunas das ideas propostas.
Estas iniciativas foron presentadas este sábado nos Soportais da Ferrería no marco do faladoiro 'Hoxe falamos de... Cultura', no que o candidato socialista e a número 6 da súa lista electoral, a profesora e artista Carmen 'Tita' Hermo, conversaron sobre como "converter Pontevedra nunha urbe cultural de referencia a nivel nacional e internacional".
Outros proxectos que deron a coñecer Puentes e Hermo foron a creación dun Centro de Interpretación do Camiño Portugués a Santiago, unha App da Axenda Cultural mantida e actualizada pola Concellería de Cultura, a posta en valor da Illa das Esculturas, a sinatura dun convenio de colaboración coa Facultade de Belas Artes para a promoción dos artistas locais e a celebración dun Certame Anual e unha Liguiña de Videoxogos.
Ademais, o programa co que os socialistas concorrerán ás eleccións do 28M tamén contempla o deseño dun mapa ou atlas cultural, o fomento da imaxe de Pontevedra como 'fervedoiro cultural', a posta en marcha dun Noites Abertas Sénior, a inclusión da cidade no roteiro dos grandes espectáculos musicais, a celebración dunha Bienal de Fotografía e dun Festival de Teatro Valle Inclán e a descentralización cultural, levando as actividades culturais a tódolos barrios e parroquias.