Investirán 675.000 euros na mellora das instalacións do CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión

O Salnés
08 de novembro 2024

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou un proxecto para crear un espazo multifuncional neste centro de Vilanova de Arousa

O Conselleiro de Educación presentou a reforma no CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou un proxecto para a mellora das instalacións deportivas e de lecer do CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión, en Vilanova de Arousa.

Cun investimento de preto de 675.000 euros, a obra consistirá na construción dun espazo multifuncional.

A intención da Xunta é que sirva tanto para as clases de Educación Física como para patio cuberto, adaptándose aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica que promove espazos flexibles nos centros educativos.

A nova infraestrutura, que se prevé para 2025, incluirá un patio cuberto de 400 metros cadrados con paneis tipo sándwich opaco e policarbonato translúcido.

Tamén está previsto que acolla un almacén de 190 metros cadrados aproveitando o desnivel do terreo.

Esta actuación súmase ás melloras recentes no centro, como a renovación da fachada e luminarias exteriores, cun investimento total de máis de 2 millóns de euros en Vilanova de Arousa nos últimos anos.

A intervención, consensuada coa comunidade educativa, busca responder ás necesidades actuais do centro e mellorar as condicións para o alumnado, especialmente nos días de choiva.

O conselleiro de Educación visitou, acompañado do alcalde Gonzalo Durán e do delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, as instalacións durante este venres para anunciar esta intervención.