Investirán 265.000 euros en instalar beirarrúas no treito da PO-315 por Beluso

Bueu
09 de marzo 2022

O proxecto prevé a construción dunha beirarrúa de formigón cunha anchura mínima de dous metros pola marxe esquerda desta estrada nun treito duns 600 metros de lonxitude. Así mesmo, está previsto que, en ambos os laterais da vía, se executen as correspondentes reservas de plataforma adaptadas á parada de autobús

Visita á estrada PO-315 ao seu paso por Beluso Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de someter a información pública o proxecto de construción dunha beirarrúa na estrada autonómica PO-315 ao seu paso pola parroquia de Beluso, no Concello de Bueu. O prazo de consulta será de trinta días hábiles a partires do xoves 10 de marzo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este novo avance administrativo para a posterior actuación de reforzo da seguridade viaria nunha visita ao treito comprendido entre os lugares da Achadiza e A Costa de Figueirón xunto ao alcalde de Bueu, Félix Juncal, outros representantes municipais e membros da Axencia Galega de Infraestruturas.

O proxecto, que conta cun orzamento estimado de 265.000 euros, prevé a construción dunha beirarrúa de formigón cunha anchura mínima de dous metros pola marxe esquerda desta estrada nun treito duns 600 metros de lonxitude. 

Así mesmo, está previsto que, en ambos os laterais da vía, se executen as correspondentes reservas de plataforma adaptadas á parada de autobús.

Esta obra tamén incluirá outras actuacións complementarias, como a adecuación e modernización dos servizos existentes neste tramo e a renovación da capa de rodadura naquelas zonas da calzada que teñan o firme deteriorado.

Paralelamente, tamén se aproveitarán estes traballos para proceder á estabilización do noiro de desmonte nunha curva de 80 metros de lonxitude, xa que ten unha inclinación de entre 60 e 0 grados e sofre desprendementos superficiais ocasionais que se pretenden corrixir de xeito definitivo. Así, acometerase a escavación necesaria para reducir a pendente.

Esta nova actuación no Concello de Bueu, que precisará de expropiación de terreos de case 1.000 metros cadrados cun custo estimado de algo máis de 16.000 euros, dá continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e de acondicionamento de espazos peonís impulsados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade neste municipio.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, destacou que "hoxe é un día a destacar porque esta actuación supón dar cumprimento ás reiteradas peticións feitas polo Concello para mellorar a seguridade viaria e peonil nun tramo con moita densidade de tráfico, que carece de mínimos espazos seguros e que a cidadanía nos demandaba cada vez máis".